O PSOE pide no Parlamento galego que se constrúa unha pasarela peonil sobre as pilastras do tren na Barca
Por Redacción
O grupo parlamentario socialista presentará este martes 6 unha proposición non de Lei á comisión de Ordenación Territorial para que a Xunta de Galicia actúe cunha mellora na ponte da Barca e canalizar o tráfico peonil entre Pontevedra e Poio.
Nesta proposición reclaman que se resolvan as dificultades que existen para que os peóns fagan o percorrido entre a ponte das Correntes e a zona inmediata á comandancia da Garda Civil, en Poio.
Solicitan que, nun prazo inferior a tres meses, a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas confirme a súa disposición para presentar posibles actuacións de mellora da mobilidade peonil e ciclista neste tramo, solucionando os problemas de seguridade viaria actuais na zona da Barca.
Piden ademais que se proceda á elaboración dun estudo para a construción dunha pasarela peonil e ciclista sobre as pilastras do antigo trazado ferroviario, situadas á beira da ponte da Barca, ademais dun paseo ata as praias de Lourido.