O conflito do Hospital Álvaro Cunqueiro repercute negativamente nos pacientes de Pontevedra
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
Todos os sindicatos da Sanidade con representación no Complexo Hospitalario de Pontevedra protagonizaron unha mobilización conxunta ante os Hospitais Provincial e Montecelo, "contra a deterioración da asistencia sanitaria pública" na nosa área sanitaria.
Segundo sosteñen os representantes dos traballadores "as decisións equivocadas e os recortes dos gobernos de Núñez Feijóo e Mariano Rajoy" prexudican a usuarios e traballadores de Pontevedra.
Estes traballadores saíron á rúa para esixir a recuperación da calidade da sanidade pública, "máis profesionais e menos mercadores", sinalaron.
Ademais situáronse contra a privatización que están a sufrir os traballadores do Hospital Álvaro Cunqueiro e a mala xestión do Sergas con este novo centro sanitario de Vigo, cuxo efectos tamén repercuten nos pacientes da zona de Pontevedra, "sobre todo nas especialidades".
"Non queremos nin centros comerciais, nin Gaiás sanitarios, queremos hospitais públicos, xestión pública e traballadores e profesionais de sanidade públicos", proclamaron.
Esixen o "mantemento da profesionalidade de todas as categorías" e a recuperación do emprego e das condicións de traballo.
Esta convocatoria conxunta, algo inédito no sistema sanitario galego, deixou unha mensaxe para o novo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, ao anunciar os sindicatos que non volverán participar en ningunha mesa de negociación pola súa "inutilidade", polo que indican que a partir de agora, utilizarán "todas as vías de presión legais" para defender a sanidade pública "na rúa, a través da mobilización".
Ademais suman ás súas demandas a "recuperación da área de influencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra" e un "hospital único" para Pontevedra.
Relacionadas:
-
A plataforma SOS Sanidade denuncia a presenza de roedores no recinto do Hospital Provincial
Por Anxo Lourido |
-
SOS Sanidade Pública sae á rúa para evitar que Pontevedra se convirta noutro Álvaro Cunqueiro
Por Redacción |
-
SOS Sanidade Pública concéntrase este martes 13 en apoio aos traballadores do novo Hospital de Vigo
Por Redacción |
-
Marea Branca confía en que Monte Carrasco "non irá arriba" ante o "fracaso" do hospital de Vigo
Por Redacción |
-
Carmela Silva, con respecto a Monte Carrasco: "Nin en Pontevedra nin en Vigo nin en Vilagarcía, non aos hospitais privados"
Por Alejandro Espiño |