O 29 de outubro volve o Outubrofest, unha festa popular que Pontevedra xa "fixo súa"
Por Redacción
O vindeiro xoves 29 de outubro volverá á praza do Teucro a Outubrofest, unha celebración organizada polo Pontevedra Rugby Club que este ano chega á súa sétima edición e que, segundo os organizadores, "xa é unha festa máis de Pontevedra", pois "empezamos con medo e agora xa é unha festa popular que a xente fixo súa".
A celebración prolongarase ata o luns 2 de noviembre en horario continuado de 12.00 horas do mediodía a 00.00 horas da noite e manterá os mesmos prezos que en anos anteriores. A salchicha pequena custará 2,5 euros, a de medio metro será a seis euros e a dun metro venderase a 10 euros. O codillo de medio quilo venderase a seis euros e as cervexas variarán en función do tipo: a 'rubia' será a 3,5 euros a de medio litro e seis euros a xerra dun litro mentres que a de trigo e a tostada se venderá a catro euros o tamaño pequeno e sete euros o litro.
A concelleira de Cultura e Deportes, Anxos Riveiro, presentou a festa este venres como "un clásico xa do mes de outubro en Pontevedra" e o presidente do Pontevedra Rugby Club, Félix Álvarez, deu a coñecer algunha das novidades deste ano, no que, coincidindo coa inauguración, o xoves 29 ás 13.00 horas se estreará na carpa o novo videoclip do grupo Isamda, no que participaron os integrantes do club. Ademais, interpretaranse en vivo varios temas.
Outra das novidades desta edición é que se entregará a segunda edición do trofeo 'Máis que rugby', que este ano premiará o traballo de aposta pola canteira do Club Waterpolo Galaico Pontevedra. A presidenta deste club, Francisca García, agradeceu o premio en especial porque "deron importancia á canteira.
O presidente do Pontevedra Rugby Club subliñou o feito de que aínda sendo unha festa con alcohol "en todo este tempo nunca houbo incidentes ou altercados provocados por xente bébeda" e vencellouno ao ambiente familiar e de camaradería do evento. Estimou que na última edición pasaron polo recinto arredor de 25.000 persoas.
Relacionadas:
-
Seis días de Outubrofest para encher Pontevedra de cervexa e salchichas
Por Mónica Patxot |
-
As salchichas dun metro triunfan nun Outubrofest con novo récord de público
Por Redacción |
-
Pontevedra xa está de Outubrofest
Por Redacción |
-
A Outubrofest bota o peche cun novo éxito colleitado
Por Diego Torrado |
-
A VI Outubrofest levanta o pano na Praza do Teucro
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
7.500 litros de cervexa regarán o Outubrofest a partir deste xoves
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A VI Outubrofest ocupará a Praza do Teucro a partir do xoves 30 de outubro
Por Redacción |