31 condutores "pillados" polo radar durante a campaña de control de velocidade
Por Anxo Lourido
O Concello de Pontevedra poñerá en marcha novas campañas de control de velocidade nos próximos meses pero con menos publicidade, indicou na mañá deste xoves 29 a concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva na rolda de prensa ofrecida co intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, para ofrecer os datos dos controis realizados entre o 14 e o 24 de outubro nas rúas de Pontevedra.
Sancionouse tan só a 31 condutores, o 0'27 % dos 11.249 vehículos que foron controlados durante os dez días que durou a campaña. Un dos condutores foi multado con seis puntos e 600 euros por circular a 79 km/h. pola rúa Rosalía de Castro, onde o límite está en 30 km/h.
Os resultados foron avaliados como moi positivos pola concelleira responsable sinalando que chama a atención que tan só seis dos sancionados son mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, a pesar de que se realizaron controis durante a noite e as fins de semana. Neste sentido, Carme da Silva destacou que se nota que é un sector da poboación que se sensibilizou con este tema e insistiu na importancia da reducción da velocidade para evitar accidentes mortais.
A zona na que se sancionaron máis vehículos foi a avenida de Compostela. Macenlle e Carme da Silva coincidiron ao sinalar que o feito de que se anunciou e posposto en varias ocasións a posta en marcha desta campaña aumentou o control por parte dos condutores, ademais o vehículo cedido pola Dirección Xeral de Tráfico resultaba "moi visible", apuntaron.
Por este motivo, para as próximas campañas o goberno local estuda tamén a posibilidade de adquirir un vehículo propio para levar a cabo estes controis. Segundo indicou a concelleira, Pontevedra levaba cinco anos sen levar a cabo unha campaña de velocidade.
Relacionadas:
-
Comeza unha campaña especial de vixilancia de consumo de alcol e drogas entre os condutores
Por Redacción |
-
O transporte escolar pontevedrés, obxecto dunha vixilancia especial esta semana
Por Redacción |
-
O radar móbil da DGT xa controla a velocidade dos condutores pontevedreses
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O radar vén sen présa
Por Redacción |
-
Un radar móvil controlará a velocidade en zonas "sensibles" da cidade durante quince días
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |