O radar vén sen présa
Por Redacción
Problemas técnicos do radar móbil da Dirección Xeral de Tráfico (DGT) obrigan a aprazar a campaña de control de velocidade nas vías municipais prevista polo Concello de Pontevedra a partir deste luns 28. A iniciativa estaba previsto que se desenvolvese ata o 12 de outubro, pero agora haberá que establecer novas datas para o inicio e finalización da mesma.
Desde a Policía Local confirman que a DGT non entregou o radar este luns como estaba previsto por problemas técnicos que poderían afectar tanto ao propio radar como ao vehículo que o leva, pero descoñecen cando poderán incorporalo á campaña. A previsión é que xa estea en Pontevedra para finais desta semana, pero as novas datas da campaña aínda non puideron fixarse. En canto se saiba cando estará operativo o radar, faranse públicas.
A campaña púxose en marcha co obxectivo de concienciar aos condutores que non fan caso aos límites de velocidade, que no centro urbano están fixados en 30 km/h, e poñen en risco a vida de peóns, ciclistas e motociclistas. Chega despois de que a Policía Local teña detectado nos últimos meses "relaxación" no seguimento das normas da zona 30.
Segundo deu a coñecer nas últimas semanas o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, o radar que cederá a DGT centrarase en controlar de forma aleatoria zonas "sensibles" da cidade como a avenida de Compostela, os accesos a Monte Porreiro, as Corbaceiras, Rosalía de Castro ou a subida a Montecelo, nas que se detectaron, mediante diferentes estudos, un maior grao de incumprimentos.
Relacionadas:
-
31 condutores "pillados" polo radar durante a campaña de control de velocidade
Por Anxo Lourido |
-
O radar móbil da DGT xa controla a velocidade dos condutores pontevedreses
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Novo atraso no inicio da campaña de control de velocidade na zona 30
Por Redacción |
-
Un radar móvil controlará a velocidade en zonas "sensibles" da cidade durante quince días
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |