O goberno local de Sanxenxo suxire ao PP que "se deixe de revanchismos e mezquindades"
Por Redacción
Máis dun centenar de vivendas no termo municipal de Sanxenxo contan con expedientes sancionadores, e en moitos casos con orde de demolición, da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), cuxas sancións asumen os seus propietarios á vez que tratan de legalizar os inmobles.
Non só as afectadas por Costas, senón tamén aquelas que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deixou fóra dos núcleos, sen atender as miles de alegacións presentadas no seu momento para corrixir esa situación, manteñen en albas a centenares de familias de Sanxenxo.
Desde o goberno local de Sanxenxo lembran que ese PXOM foi aprobado por Telmo Martín no ano 2003 e que non reflectiu a realidade urbanística de centos de veciños. Un PXOM para o que "o Partido Popular anunciou aos catro ventos unha revisión xeral que nunca chegou a facer e que mantén na alegalidade ás familias de Sanxenxo".
O goberno local asegura ter "moi claro" que non derrubará vivenda algunha sen unha orde xudicial previa que lle obrigue a iso e instará a todos os propietarios a "esgotar as opcións de legalización".
Nun comunicado o grupo de goberno de Sanxenxo sinala que o edil de Urbanismo, Daniel Fernández, non ten ningunha vivenda nesta situación, "aínda que si familiares directos". O inmoble situado en Adina á que o Partido Popular fai referencia foi construída antes da entrada en vigor do PXOM, en 1994, e paralizada coas normas subsidiarias en 1996, momento no que comezou un proceso de legalización que viviu diferentes fases e que levou aos seus propietarios, igual que o resto dos que padecen situacións similares, a soportar as multas coercitivas impostas pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).
"Póñanse a facer oposición e deixense de revanchismos e de mezquindades". Gonzalo Pita
Desta realidade, sinalan que é "perfectamente coñecedor" o Partido Popular, que iniciou a tramitación dunha modificación puntual que redelimita varios núcleos, entre eles aquel no que se atopa esta vivenda. "Algunha cuestión legal os levaría a iniciar un proceso para a legalización dos inmobles afectados por esta situación pero sorprende moito que agora pretendan a demolición antes de que remate o proceso", explica Gonzalo Pita, alcalde de Sanxenxo, que se pregunta tamén se o PP presentará algunha alegación contra a modificación que eles mesmos promoveron.
"Esta esquizofrenia urbanística na que o PP meteu ao concello só demostra a súa falta de criterio, que derivou en múltiples sentencias negativas", engade o rexedor.
Para o grupo de goberno resulta polo menos curiosa a reacción do PP tras a derriba dos chalés de Dorrón, un expediente no que un xuíz "encontrou unha presunta sintonía entre os promotores dos chalés e excargos políticos do Partido Popular neste concello, que provocaron unhas indemnizacións moi gravosas para as arcas municipais".
Gonzalo Pita asegura percibir nas filas populares certo malestar porque o goberno local haxa cumprido unha orde de derriba atendendo á présa do Xulgado do Contencioso Administrativo "mentras eles parecen empeñados en que se conservaran os chalés despois das cuantiosas cantidades que lle hubo que abonar á promotora, por unha licencia mal dada. O expediente de Dorrón é un estigma que os vai perseguir toda a vida pola imaxe negativa que dou do Concello de Sanxenxo e pola investigación xudicial que provocou".
Por último, Gonzalo Pita permítese dar un consello ao Partido Popular: "póñanse a facer oposición e deixense de revanchismos e de mezquindades".