En liberdade, pero sen pasaporte os detidos de Causa Galiza
Por Redacción
As oito persoas detidas nos últimos días por presuntamente formar parte do grupo Causa Galiza, herdeiro de Resistencia Galega, quedaron en liberdade tras prestar declaración ante a Audiencia Nacional, pero o xuíz retiroulles o pasaporte e impúxolles a prohibición de saír do territorio español. Dúas delas foron detidas o venres na cidade de Pontevedra.
O colectivo Ceivar informou na súa páxina web da situación dos detidos, en liberdade con cargos desde este luns. Tras prestar declaración ante o xuíz Eloy Velasco e quedar en liberdade, todos puxeron rumbo de regreso a Galicia. A asociación anuncia que "nas próximas horas sairá á luz información completa das acusacións e pormenores destes días".
O xuíz da Audiencia Nacional atribúelles un delito de integración en organización terrorista por formar parte de Causa Galiza. Todos foran detidos nunha operación da Garda Civil, en coordinación coa Fiscalía e baixo a dirección do Xulgado Central de Instrución en funcións de guardía da Audiencia Nacional.
Dentro da organización, segundo informou o Instituto Armado, os detidos terían desenvolvido un papel activo coa realización de diversos actos de enaltecemento do terrorismo, entre eles a organización do Día da Galiza Combatente, cuxa última edición celebrouse o pasado 11 de outubro.
Os arrestados constitúen o núcleo dirixente da organización Causa Galiza e participaron no referido acto, así como noutros nos que, segundo o Instituto Armado, se desenvolveron accións de enaltecemento do terrorismo levado a cabo pola organización Resistencia Galega, herdeira do Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive.
Durante a celebración do Día da Galiza Combatente, segundo as investigacións policiais, homenaxeouse a dous membros da organización "Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive", falecidos o 11 de outubro de 1990 cando colocaban un artefacto explosivo nunha discoteca de Santiago de Compostela, na que tamén resultou falecida unha terceira persoa e houbo case medio centenar de feridos.