Retiran uns bolardos tras as queixas de comerciantes e veciños
Por Redacción
Operarios do Concello de Ponte Caldelas procederon a eliminación de bolardos na Rúa da Igrexa, Praza de Cotobade e tamén nas inmediacións da praza de abastos coa intención de mellorar a humanización destas zonas do centro da vila ao tempo que se da resposta a numerosas peticións neste sentido feitas por comerciantes e veciños.
A decisión tomada polo equipo de goberno obedece aos numerosos incidentes provocados por estes bolardos ao longo do tempo que levan instalados. Ao parecer, son responsables de pequenos accidentes e tropezóns dos viandantes e tamén de abolladuras nos vehículos de proveedores que se achegan ata a praza de abastos para surtir aos vendedores alí instalados.
O equipo de goberno aposta pola humanización do centro da vila con medidas que favorezan a accesibilidade de persoas con problemas de mobilidade e tamén e por garantir a seguridade viaria de vehículos e peóns polo que están estudiando diferentes alternativas, unha vez que foron retirados estes polémicos bolardos que resultaron ineficaces para os fins que se perseguían e causaron máis problemas dos desexables.
Entre as distintas opcións que se están barallando por parte do equipo de goberno están a eliminación definitiva e tamén, nalgúns casos onde se ve preciso instalar unha barreira que impida o estacionamento ou circulación de vehículos. Estase pensando na necesidade ou non de colocar outros sistemas de balizamento, incluso bolardos de maior tamaño para que podan ser vistos perfectamente polos transeúntes e evitar tropezos e accidentes non desexables.