Os comedores escolares ensinarán esta semana o que come un neno con diabete
Por Redacción
Todos os comedores escolares dos colexios públicos de Pontevedra e Vigo e boa parte dos do concello da Coruña uniranse ao longo desta semana á conmemoración do Día Mundial da Diabete, que se celebra anualmente o 14 de novembro, cunha serie de actividades destinadas a afondar no coñecemento da diabete, no seu impacto na idade infantil e, en xeral, nos hábitos de vida e alimentación saudables.
A Asociación de Nenas e Nenos con Diabete de Galicia (Anedia) colabora coa empresa Serunion e coas asociacións de nais e pais de alumnos para a posta en marcha desta iniciativa, que se desenvolverá entre este luns 9 e o venres 13 de novembro nos colexios públicos cuxos comedores escolares están xestionados por Serunion.
A iniciativa ‘Por unha alimentación saudable para todos’ parte da base de que a escola é un dos ámbitos máis importantes para os nenos con diabete tipo 1. É o lugar onde pasan a meirande parte do día e necesitan seguir controlando a súa enfermidade. A evolución positiva da diabete pasa polo equilibrio entre a administración de insulina, a práctica regular de exercicio físico e unha alimentación equilibrada que debe ser obxecto de especial coidado nos comedores escolares.
Dende o pasado curso escolar todos os comedores xestionados por Serunion en Pontevedra e Vigo ofrecen aos alumnos con diabete unha atención individualizada con menús nos que se contabilizan os hidratos de carbono inxeridos. Durante esta semana esta iniciativa espándese.
Unha das actividades centrais será que os nenos, teñan ou non diabete, melloren o coñecemento do que comen, e sexan conscientes de que en cada comida deben inxerir diferentes tipos de nutrientes. Para iso, analizarán a pirámide de alimentos e cales teñen hidratos de carbono.
Ademais, durante dous días da semana os nenos empregarán parte do tempo que pasan no comedor despois de comer en facer un círculo azul -o símbolo do Día Mundial da Diabete- con material de refugallo e o venres as actividades rematarán cunha clase práctica sobre alimentación saudable. Os monitores amosarán a todo o alumnado que come un neno con diabete para cumprir coa inxesta diaria de hidratos de carbono recomendada en función da súa idade e que esa debería ser a alimentación a tomar por todo o alumnado.
Relacionadas:
-
Os profesores de colexios con nenos con diabete pasarán a recibir formación específica sobre a enfermidade
Por Redacción |
-
A cor azul volve tomar Pontevedra polo Día Mundial da Diabete
Por Redacción |
-
Milla urbana para sensibilizar á poboación sobre a diabete infantil
Por Redacción |
-
Lores falará cos panadeiros, cos donos do cine e co IMD das demandas dos nenos con diabete
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Anedia continúa a campaña formativa a persoas con diabete e coidadores
Por Redacción |
-
A asociación de nenos con diabete pide un protocolo especifico de actuación para a reválida de terceiro de primaria
Por Elsa Juliá Sánchez |