Poio contará coa axuda da Deputación para mellorar as súas infraestruturas deportivas
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, continua coa súa xeira de visitas aos concellos da provincia e, este xoves, achegouse ata Poio onde entre outras cuestións avanzou que a institución provincial traballará para mellorar as infraestruturas deportivas do municipio.
Tras unha xuntanza co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e a tenente de alcalde, Chelo Besada, Carmela Silva indicou que o plan de deportes para o 2016 será igualitario e equitativo para dotar de instalacións deportivas a todos os concellos da provincia.
Neste sentido, lamentou que o anterior goberno provincial "movérase polas afinidades políticas para facer inversións" provocando que concellos como Poio, que non eran do seu mesmo color político, "teña despois de doce anos serias deficiencias en infraestruturas deportivas".
O novo fondo local, dixo a presidenta provincial, vai supor unha mellora importante para o concello xa que verá incrementado o volume de recursos económicos que recibirá en comparación con anos anteriores. Haberá catro liñas básicas de subvención e os concellos contarán cun novo criterio, xa que xunto cos dous que xa estaban fixados que eran a poboación e a extensión dos municipios, agora se inclúe el número de núcleos de poboación.
Ademais, Carmela Silva criticou a situación da estrada da parroquia de Campelo, onde tras doce anos de goberno de Rafael Louzán na Deputación de Pontevedra "ni tan sequera pintaron unha raia". Fronte a esa cuestión, a dirixente socialista afirmou que "agora hai grandes demandantes de arranxos que queren que fagamos en catro meses o que eles mesmos non fixeron despois de doce anos".
Referíndose a eles, a presidenta subliñou que espera que tamén sexan demandantes ante a Xunta de Galicia ao igual que fan ante a Deputación. E de feito puxo entre esas peticións de Poio a construción dun centro de día, infraestrutura da cal aínda carece este concello.