'Poio Móvese' a ritmo do deporte
Por Alejandro Espiño
Poio móvese. E faino, con especial dedicación nos últimos anos, baixo a bandeira do deporte. Só neste ano 2016 organizaranse no municipio máis de corenta actividades deportivas, repartidas entre as súas cinco parroquias. Así que, por que non aproveitalo turísticamente? Iso é o que tratará de conseguir o Concello de Poio a través da campaña que presentaron este mércores.
O Casal de Ferreirós foi o lugar elixido pola concelleira de Deportes, Marga Caldas, para explicar os obxectivos da iniciativa Poio Móvese, unha campaña que foi acordada cos clubs e asociacións deportivas do concello.
Trátase de aproveitar o "importante" calendario deportivo de Poio e usalo como "ferramenta de promoción" do municipio e que sirva para que o deporte xere un maior impacto económico en Poio.
Nun principio, esta campaña desenvolverase durante os dous próximos anos, aínda que o goberno municipal baralla estendela ata 2018.
A principal novidade desta iniciativa é que o Concello de Poio busca 'especializar' as diferentes parroquias do municipio con disciplinas deportivas de referencia, salvo a de San Xoan, que ao contar coas principais infraestruturas para a práctica do deporte -na contorna da Seca e A Reiboa- aglutinará a maior parte das actividades.
Así, búscase potenciar Raxó coa práctica do tenis -para o que se reformarán as pistas de Monte Baldío-, o tenis praia ou a natación. Esta última coa organización dunha travesía a nado que se celebrará o 7 de agosto, unha das novidades deste calendario deportivo.
Samieira centrarase no dúatlon cros e os deportes de montaña con competicións de BTT, entre elas o campionato galego o 18 de xuño, ou un trail pola ruta dos muíños que será o 2 de outubro. Combarro, pola súa banda, será a referencia na vela tradicional, o piragüismo ou o kaiak polo, aproveitando a súa especial vinculación co mar; mentres que San Salvador -e en especial Lourido- converterase en epicentro do fútbol praia e os xogos populares.
En San Xoan, por último, haberá unha maior diversidade. Entre as principais actividades destacan a carreira popular 8K Poio (11 de xuño), o campionato de kickboxing (14 de xuño), o trofeo San Xoan de ximnasia rítmica (26 de xuño), o tríatlon de Campelo (2 de xullo), a Subida á Escusa (17 e 18 de setembro) ou a BTT San Xoan-Monte Castrove (9 de outubro).
Relacionadas:
-
Poio, capital do BTT galego esta fin de semana con probas en Samieira e Campelo
Por Alejandro Espiño |
-
Poio recuperará as pistas de tenis de Monte Baldío e mellorará os campos da Seca e A Reiboa
Por Alejandro Espiño |
-
Lara Lois e Marcos Mayo, vencedores do X Dúatlon Cros Concello de Poio
Por Diego Torrado |
-
Máis de vinte anos de traballo de base nas escolas deportivas de Poio
Por Diego Torrado |
-
Poio contará coa axuda da Deputación para mellorar as súas infraestruturas deportivas
Por Redacción |