O 30% dos asuntos xudiciais poderían resolverse a través da mediación
Por Redacción
“Promocionar a mediación e afondar no coñecemento deste procedemento alternativo de resolución de conflitos e controversias” é, como salienta a catedrática de Psicoloxía Xurídica do Menor, Francisca Fariña, o propósito central da xornada Coñecer a mediación intraxudicial, máis aló da mediación familiar, que este luns se desenvolve na Escola de Enxeñaría Forestal, segundo informou o Diario Oficial da Universidade de Vigo.
De feito, estímase que este procedemento, ao que as dúas partes implicadas nun conflito xudicial se someten voluntariamente co ánimo de chegar a un entendemento, “podería chegar a aglutinar en torno a un 30% ou 35% da litixiosidade habitual dos xulgados”, segundo sinalou Pascual Ortuño, vicepresidente do Grupo Europeo de Maxistrados pola Mediación (Gemme).
A xornada que ao longo deste luns se desenvolve no campus ten como propósito de “poñer en valor” esta vía alternativa de resolución de conflitos.
“Fálase moito de mediación, pero coñécese pouco”, sinalou o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, dunha vía de resolución de conflitos que cualificou de “imprescindible”, motivo polo que os presidentes dos tribunais superiores de xustiza de toda España avogaron, como salientou, “por incorporala decididamente á carta de servizos que ofrece a administración de xustiza”.
Por iso, a súa implantación “non só debe xurdir do voluntarismo, nin quedar limitada a uns poucos órganos”, o que fai preciso tanto “investimentos e sensibilidades”, como o establecemento de protocolos estandarizados e o fomento de “actividades de formación e sensibilización”, segundo apuntou Cadenas.
Nesa mesma liña pronunciouse tamén o director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín, que defendeu a mediación como “unha cultura que se ten que implantar”, xa que, “calquera solución mediada é unha solución que se interioriza, á que chegan as propias partes”. Nese senso, o representante da Xunta puxo de relevo as “experiencias piloto” que se veñen desenvolvendo na comunidade e incidiu no compromiso da Xunta co “fomento da cultura da mediación”.
A xefa da sección de Estudos e Informes de Mediación do CGPJ, Ana Carrascosa, salientou que Galicia "é unha das comunidades que máis se ten implicado na mediación", ao tempo que sinalaba “hoxe en día estase facendo mediación en España en todas as xurisdicións e en todos os territorios”, aínda que, como recalcou, dunha “maneira desigual”. Por ese motivo, quixo poñer en valor os convenios marco asinados neste 2015 polo CGPJ e as diferentes administracións autonómicas, que contribuirán a dotarse “dun marco que permita actuar de maneira homoxénea en todos os territorios”.