Aventura, traballo, reinventarse... Unha pontevedresa fai máis sinxelo ir a Nova Zelandia
Por Redacción
"En Nova Zelandia vivo na praia, teño horto no meu xardín e convivo con máis de 20 nacionalidades. En Pontevedra vivía nun piso e non tiña contacto con outras culturas". Son as dúas vidas contrapostas de Noa Veiga, unha pontevedresa que un bo día de 2012 decidiu deixar o seu traballo na banca para correr unha aventura. Acabou en Nova Zelandia e alí, xunto a varios socios, montou Fainders, unha empresa para axudar a mozos que, como ela un día, están a exporse un cambio na súa vida. Desde alí responde as preguntas de PontevedraViva.
Se non é turismo, a que se vai a Nova Zelandia?
A estudar inglés, traballar, vivir unha aventura, empezar unha nova vida, cambiar de aires, saír da zona de confort, emigrar...
Ti como chegaches aí? Turismo? Traballo?
No meu caso foi turismo. Despois de oito anos traballando en banca privada en Barcelona, sentíame cansada e sen ilusión. En 2012 deixei todo e funme de viaxe coa miña parella sen billete de volta. Despois de catro meses de aventuras por diferentes países acabei en Nova Zelandia. Queriamos mellorar o noso inglés e traballar nunha granxa, ter máis contacto coa natureza, facer cousas diferentes... e despois de tres anos aínda seguimos aquí. Xa somos residentes neozelandeses e consideramos este país nosa segunda casa.
Por que decidiches quedar?
Despois dos anos de intenso traballo en Barcelona, buscaba un lugar onde recargar pilas, a nivel físico e emocional. Os 25.000 quilómetros que me separaban de casa déronme a oportunidade de reinventarme, deixar as etiquetas que me fora configurando ao longo de todos estes anos e atoparme.
Tes pensado volver ou quedarás aí?
Vou seguir escoitándome e tomando decisións a medida que o necesite. Agora mesmo apetéceme estar aquí, pero non descarto a posibilidade de cambiar. Supoño que a miña vida seguirá sendo un fluxo de viaxes e aventuras ao longo de diferentes países. Así é como son feliz.
Como se che ocorreu montar Fainders?
A idea xurdiu porque cando cheguei a Nova Zelandia non me atopei cun español ata o segundo ano... e pensei, por que non hai españois en Nova Zelandia? E a resposta era clara, por desinformación! Así que empecei esta plataforma, un proxecto que unise os meus dous países. Desde o 2014 axudamos a españois e xente de Latinoamérica a vir a Nova Zelandia a vivir unha experiencia diferente, pero é en novembro 2015 cando pasamos a chamar a este proxecto Fainders. Traballamos duro para converternos no referente para españois en Nova Zelandia en todos os sentidos e creo que o estamos conseguindo.
Traballamos duro para converternos no referente para españois en Nova Zelandia en todos os sentidos
Que traballo facedes?
Somos unha especie de "transmisor de información", cun equipo que vive en Nova Zelandia desde hai anos, informamos as persoas que contactan connosco sobre a vida en NZ, as visas, os tipos de estudos, aloxamentos, traballos e todo o que necesiten saber. Axudamos antes de vir con todo o papelorio (visados) e información, e unha vez están aquí, cos primeiros trámites (IRD, abrir unha conta bancaria, comprar unha SIM kiwi, etc). Todos os Fainders teñen asignado un Ambassador, que é como unha especie de guía, un experto na cidade que os axuda co que necesiten. Os nosos servizos son gratuítos porque son as institucións educativas neozelandesas as que nos remuneran polo noso traballo.
É fácil para un estranxeiro montar a súa propia empresa en Nova Zelandia?
É fácil a condición de que teñas unha visa que che permita facelo. Nova Zelandia é o país número 1 para emprendedores. Por que? É un país pequeno e isto facilita as relacións humanas e comerciais. Pero sobre todo o máis importante é a normativa fiscal e a facilidade para abrir e pechar empresas. Nós tardamos dúas horas en abrir Fainders! E custounos menos de 150 NZD (uns 90 euros). O mercado laboral é moi flexible, o que permite que teñas varios traballos, e que cambies as veces que queiras.
Cando cheguei non me atopei cun español ata o segundo ano... e pensei, por que non hai españois en Nova Zelandia?
Cales son as saídas laborais que se pode atopar un pontevedrés que vaia alí?
Depende da túa cualificación e experiencia. Nova Zelandia necesita profesionais cualificados en determinadas áreas, por exemplo, enxeñeiros, informáticos, construtores, biólogos, etc. Se te atopas na lista de cualificacións demandadas e contas cunha oferta de traballo poderás acceder a unha Skill Migrant Visa, a través da cal podes traballar no país e nuns anos, acceder á residencia neozelandesa. Se pola contra non estás na lista de cualificacións requiridas e ademais o teu inglés é baixiño, podes vir igual, estudar inglés e traballar en postos de traballo non cualificado como camareiro, lavaplatos, en granxas, etc. Desta maneira mellorarás o teu inglés e cubrirás parte dos teus gastos. Ten un 5.4% de paro... se non traballas é porque non queres!
Cales son as diferenzas entre a vida en Nova Zelandia e España e, en concreto, Pontevedra.
Aquí a xente traballa para vivir ben. Traballar menos e mellor está ben visto (máis horas non significa ser un mellor empregado, se non todo o contrario). Ter tempo para un é primordial. O goberno favorece a natalidade e dá axudas aos pais para que estean o máximo tempo posible cos seus fillos. O horario é moi diferente, levantámonos ás 6 da mañá, comemos ás 12, ceamos ás 5 e ímonos a durmir ás 9 da noite.
Que é o que máis sorprende a unha persoa cando chega a Nova Zelandia? Que lle chocaría a un pontevedrés?
A xente vai descalza pola rúa, no supermercado, nos parques, pola estrada... Dálles totalmente igual o que pensen os demais de como van vestidos, así que non te sorprende ver a alguén en pixama mentres compras uns tomates. Ou que o teu médico de cabeceira recíbache en bañador de palmeiras e chanclas. Podes comprar un coche en 10 minutos a un prezo irrisorio. Moi poucos fuman, así que este hábito social non está moi ben visto. O médico e farmacéutico tentará que che cures recomendándoche mel de manuka, auga con limón, unha sauna, é dicir, todo o que sexa antes de receitarche un medicamento...
Como é vivir na terra e O señor dos aneis?
É tranquilo, natural e san. Hai espazo e infinitas posibilidades de reinventarse e crecer. É unha terra máxica onde todo é posible.