Un traballo, "a verdadeira inclusión" para os perceptores da Risga
Por Redacción
Sete das 17 persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) contratadas durante os últimos meses polo Concello de Pontevedra para traballar en diversos servizos municipais terminaban este luns o seu contrato e, a modo de despedida, compartiron un almorzo de traballo coa concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces. Serviu de despedida, pero tamén para facer balance dunha experiencia que "foi moi boa, o malo é que a duración foi pequena".
Quen fala é un dos traballadores beneficiados. O contrato durou sete meses e, no caso dos sete que terminan agora, realizaron traballos na brigada de obras de mantemento do Concello. Eles móstranse moi satisfeitos coa experiencia e os responsables municipais de coordinarlles, contentes co resultado. "Dixéronme que funcionabades ben. Deixastes o pavillón moi alto", valorou Fouces.
Durante estes sete meses, os contratados traballaron un 75% da xornada laboral, de modo que se cinguiron a horarios estancos. Eles valoran que esta situación será unha das que máis van botar de menos a partir de mañá, cando xa non teñan que acudir a diario ao posto de traballo, pois ata agora "pasoume todo tan rápido que foi como se nada, nin me enterei". Tamén destacan, por suposto, os ingresos, uns 900 euros, para unhas persoas que ata empezar este contrato percibían a Risga.
Ademais destas sete persoas,contratouse a outra decena de persoas para os departamentos de xardíns e cemiterios. A súa contratación realizouna a concellería de Benestar Social Municipal no marco dun programa da Xunta de Galicia para aliviar a situación dos perceptores de Risga nos concellos que se puxo en marcha este ano, por primeira vez, despois de que o Concello de Pontevedra denunciase a demora na tramitación dos expedientes que estaban a sufrir os perceptores de Risga.
Fouces confía en poder dar continuidade a este tipo de iniciativas, pois "esta é a verdadeira inclusión", tanto porque ás persoas contratadas "apórtalle confianza en que eles poden" como porque durante uns meses "deuselles unha oportunidade de estar no mercado laboral e demostraron o que poden facer" e deixaron de depender de recursos públicos para a súa supervivencia.
Estes sete desde mañá e o resto de desde decembro pasarán a cobrar o paro con maior experiencia no seu currículo laboral e máis opcións profesionais.
Relacionadas:
-
Pontevedra volverá contratar 20 persoas perceptoras da Risga para traballar en obras e xardíns
Por Natalia Puga |
-
Os perceptores da Risga xa están a traballar nas brigadas de xardíns, obras e cemiterios
Por Redacción |
-
Vinte perceptores de Risga serán contratados polo Concello durante sete meses
Por Redacción |
-
O BNG esixe á Xunta que resolva os atrasos na tramitación da Risga
Por Oskar Viéitez |