Unha procesión lembrará que hai 90 anos a Virxe apareceu en Pontevedra
Por Redacción
O xoves día 10 de decembro a Igrexa celebra os 90 anos da aparición da Virxe en Pontevedra e con tal motivo están programados diversos actos relixiosos na Casa-Santuario do Corazón Inmaculado de María que inclúen unha procesión polas rúas da cidade.
Entre as moitas visitas e devotos que participarán nos actos estará Jaime Vilalta Berbel, profesional de Turismo especializado nas peregrinacións e autor de varios libros sobre Fátima.
Segundo os datos ofrecidos polo Arcebispado de Santiago este lugar recibe anualmente preto de 200.000 visitas. E foron máis de 300.000 o último ano Santo.
Curiosamente, a pesar da súa proxección internacional, a casa das Aparicións, é unha gran descoñecida na cidade do Lérez. Está situada na rúa de Sor Lucía moi preto da Basílica de Santa María.
Segundo a Igrexa en decembro de 1925 á novicia Sor Lucía volvéuselle a aparecer a Virxe, oito anos despois de Fátima, na cela onde se preparaba para ser monxa nesta antiga casa das Doroteas. Posteriormente, o 15 de febreiro de 1926 aparecéuselle, nesta ocasión, o neno Jesús, foi no xardín da casa cando a monxa realizaba unha dos seus labores domésticos.
No 75 aniversario da aparición, Juan Pablo II bendixo estas instalacións e concedeulles a categoría de santuario.