Pontevedreses solidarios tamén por Nadal
Por Redacción
Pontevedra pode presumir de iniciativas solidarias ao longo de todo o ano. Un espírito que chegadas estas datas multiplícase e como exemplo nas últimas horas leváronse a cabo iniciativas como a do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo xunto coa Vicerreitoría do Campus de Pontevedra; os traballadores da empresa Cespa, a Escola Infantil Príncipe Felipe da Deputación ou a Asociación de Veciños San Miguel de Marcón.
No caso da entidade académica, a proposta solidaria consistiu nun maratón de zumba, que a pesar de verse algo minguado de asistencia, conseguiu reunir preto de setenta persoas e recoller 200 quilos de alimentos non perecedoiros que se entregarán ao comedor social de San Francisco.
Nesta décimo terceira edición do maratón de zumba, celebrado no pavillón universitario este xoves 17, tamén colaboraron entidades como o filial do Club Nacional de Football de Uruguai que ten a súa sede en Ponteceso e que doaron 30 quilos de alimentos. Previamente celebrouse a primeira edición do Crosffit Solidario Pontevedra, á que se podía levar produtos non perecedoiros, ou ben roupa e xoguetes para doar a unha organización humanitaria.
Pola súa banda, os traballadores da empresa concesionaria do servizo municipal de recollida de lixo e de limpeza en Pontevedra, Cespa, fixeron entrega ao Concello dos 876 euros que recadaron e que se doarán a Redeaxuda. En anteriores ocasións este persoal facía recollida de alimentos, pero nesta ocasión optaron por diñeiro en efectivo para axudar a cubrir necesidades sociais máis amplas.
A Concellería de Benestar Social depositará o diñeiro no HiperFroiz, xa que ademais de alimentos, tamén hai téxtil, material escolar e para o fogar. Desta forma as organizacións coordinadas por Redeaxuda poden dispoñer dun fondo para comprar o que vaian precisando.
O comedor de San Francisco e Cáritas Pontevedra serán beneficiarios, pola súa banda, da campaña de recollida de alimentos e xoguetes que están a realizar na escola infantil Príncipe Felipe por terceiro ano consecutivo.Espéranse superar os 320 quilos alcanzados o ano pasado, xa que as doazóns seguen abertas ata o mércores 23. En canto aos xoguetes, no pasado Nadal recibíronse 297, cifra que tamén se estima que se superará, dado que esta vez sumáronse nenos, pais e traballadores do CEIP Príncipe Felipe.
Pola súa banda, a Asociación de Veciños San Miguel de Marcón ten en marcha a campaña solidaria "Unha achega, unha ilusión". Pódese colaborar doando alimentos non perecedoiros, xoguetes usados en bo estado e sobre todo libros. Neste caso os produtos e material recibido entregarase ao Comedor de San Francisco e a Redeaxuda.