Patrimonio autoriza a declaración de ruína "condicionada" do Pazo Mariño de Lobeira
Por Redacción
A Comisión Territorial de Patrimonio Histórico da Xunta de Galicia acordou esta tarde autorizar a declaración de ruína do Pazo Mariño de Lobeira, situado na rúa César Boente, condicionada á presentación dun proxecto de demolición e consolidación das estruturas e dun proxecto de reedificación. Os propietarios teñen seis meses de prazo por diante para a presentación dos proxectos de acordo co Peprica.
Este acordo deixa a porta aberta á demolición parcial do edificio sempre condicionado, explicou á saída da reunión o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará.
A declaración de ruína do Pazo Mariño de Lobeira no ámbito do Peprica é unha demanda pedida pola propiedade e que conta co respaldo do Concello, que ten na recuperación do seu patrimonio un dos seus eixos prioritarios de actuación. Ademais o grave e crecente deterioro do inmoble supón un risco para a seguridade e un foco de insalubridade.
O inmoble sufriu varios desprendementos no ano 2011 polo que o servizo de Disciplina Urbanística ordenou a desmontaxe parcial da cuberta e o seu valado. O que se fixo non evitou que neste tempo fora usado como vivenda por distintos okupas e o deterioro seguira avanzando.
No Pazo de Lobeira, unha construción do século XVI e radicado no número 6 da rúa César Boente, morreu Tristán de Montenegro. O edificio ten certo aspecto defensivo e é unha peza importante da trama urbana de Pontevedra como transición entre espazos e como peche da praza da Pedreira, unha das máis emblemáticas da cidade.
PATIO EDIFICIO SINDICAL
A comisión territorial tiña tamén na súa orde do día unha petición do sindicato UGT para a demolición dunha pequena construción no patio interior do edificio sindical da rúa Pasantería, tamén catalogado no Peprica.
Patrimonio deu luz verde á demolición pero lles esixe o mantemento do xardín e da palmeira existentes.
Relacionadas:
-
Empezan a baleirar e apontoar o Pazo Mariño de Lobeira
Por Redacción |
-
Ordenan retirar os entullos e apuntalar o Pazo Mariño de Lobeira
Por Redacción |
-
Marea Pontevedra alerta dos "perigos" asociados ao estado de abandono dos edificios de César Boente
Por Redacción |
-
O PP denuncia que unha de cada cinco vivendas do "casco histérico" está deshabitada
Por Natalia Puga |
-
A rúa César Boente languidece entre as ruínas e a burocracia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |