Marea Pontevedra pide aos Reis Magos que o BNG cumpra os acordos plenarios
Por Alejandro Espiño
A carta de Marea Pontevedra aos Reis Magos inclúe unha petición esencial dirixida ao goberno municipal: que cumpran os acordos plenarios. Así o sinalou este martes o portavoz desta formación política, Luís Rei, quen criticou que o BNG incumpre "sistemática e deliberadamente" as propostas que se aproban nos plenos do Concello "mesmo as que son apoiadas por eles mesmos e se aproban por unanimidade".
Así, Luís Rei fixo un repaso polas mocións presentadas por Marea Pontevedra nos últimos meses e que foron "ignoradas" polo BNG como a instauración dun sistema de bono-taxi para persoas con mobilidade reducida, aumentar a partida destinada a comedores escolares, habilitar un comedor social alternativo ao de San Francisco ou ampliar as prazas de aloxamento para persoas sen teito, entre outras.
Foron todas elas propostas sociais "consultadas cos colectivos da cidade" e que se aprobaron por unanimidade, polo que Marea interpelará ao alcalde no próximo Pleno sobre esta "costume" que adquiriu o equipo de goberno.
Esta iniciativa, sinalou Luís Rei, coincide coa posta en marcha da mesa para a rexeneración democrática do Concello para "dotarnos dunhas regras de xogo máis xustas". No seo deste pacto preténdese traballar nun novo regulamento de participación cidadá que, inicialmente, refundirá as propostas presentadas por Marea e o PSdeG-PSOE antes de remitila ás asociacións veciñais e os colectivos sociais para que fagan as súas achegas.
Neste sentido, o portavoz de Marea -que celebrou a "histórica" rolda de prensa conxunta das federacións veciñais- pediu a estas asociacións que "non disparen primeiro e pregunten despois" e lembroulles que "non está nada pechado", polo que todas elas terán moito que dicir neste proceso.
Relacionadas:
-
Marea alerta sobre a 'cara B' da accesibilidade en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O borrador do regulamento de participación cidadá da oposición, listo a próxima semana
Por Alejandro Espiño |
-
As tres federacións veciñais esixen poder intervir na elaboración do Regulamento de Participación Cidadá
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A oposición, disposta a cambiar as "regras do xogo" do Concello, con ou sen o BNG
Por Redacción |
-
Marea propón redactar un novo regulamento de participación cidadá en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |