Marea alerta sobre a 'cara B' da accesibilidade en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A cara B da accesibilidade. Ese é o título do vídeo que presentou este luns Marea Pontevedra para denunciar os problemas que existen na cidade para as persoas con mobilidade reducida. Forma parte da estratexia desta formación política para reclamar ao Concello, vía moción ao Pleno, que promova a elaboración dunha ordenanza municipal de accesibilidade universal que fomente unha maior inclusión deste colectivo.
Neste audiovisual, protagonizado por César Maquieira -responsable de Mobilidade en Marea Pontevedra-, recóllense exemplos prácticos de como en diferentes ámbitos da cidade seguen existindo barreiras arquitectónicas ou se incumpren as diferentes normativas de accesibilidade, con ramplas cunha maior inclinación do permitido ou beirarrúas que non están suficientemente rebaixadas para permitir o paso de persoas discapacitadas.
Ademais, a pesar de non basearse en ningún estudo concreto, sinalan que o 80% da hostalería e o comercio pontevedrés é "inaccesible" para este colectivo; ou que os numerosos veladores que hai pola cidade dificultan a súa mobilidade.
Trátase, sinalan dun "contrapunto" aos premios recibidos por Pontevedra polo seu modelo urbano cos que "parece todo idílico e queda moito traballo por facer", especialmente en relación a certas discapacidades porque, segundo afirmou Herminia Dios, "avanzouse na supresión de barreiras arquitectónicas pero non na mellora da accesibilidade das persoas con discapacidade sensorial".
Por iso, desde Marea aseguran que o Concello a través desta ordenanza debería "supervisar, controlar e sancionar" estas deficiencias en materia de accesibilidade, segundo a edil Carmen Moreira. Neste sentido, os membros desta formación preguntáronse de que serve ter accesibles as rúas máis céntricas se as persoas con mobilidade reducida non poden gozar dos servizos que ofrece a cidade.
Así, con este regulamento esixen que se garanta o dereito "inherente" da cidadanía en xeral a gozar dunha vida "digna", adaptando os lugares e establecendo normas e criterios de accesibilidade nas infraestruturas, no urbanismo, nas edificacións, nos espazos públicos e nos medios de transporte, así como nos sistemas de comunicación e na utilización dos bens e servizos.
Ademais, Marea pretende instar á Xunta a desenvolver a lei 10/2014 que busca fomentar un ámbito accesible e sen barreiras na comunidade autónoma galega.