SOS Sanidade Pública volve a sair á rúa ante "os malos tempos" da atención sanitaria
Por Alejandro Espiño
"Corren malos tempos para a sanidade", aseguran desde a Plataforma SOS Sanidade Pública. Por iso é polo que deciden volver á rúa. Será nunha nova manifestación cidadá que se celebrará en Pontevedra o próximo 21 de marzo. Nela esixirán frear os recortes que se están producindo na atención sanitaria. "A xente ten que entender que ou paramos isto ou estamos condenados á tolemia", asegura Francisco Vázquez Vizoso, portavoz do colectivo.
"Temos que deter as políticas privatizadoras, os recortes e o desmantelamento da sanidade pública", explicou Vazquez Vizoso, médico do CHOP. Neste sentido, chama á mobilización cidadá ante feitos "tan graves", dixo, como a introdución do copagamento sanitario nos medicamentos, "unha agresión contra os sectores menos favorecidos", ou que os enfermos de cancro teñan que pagar o traslado en ambulancia "o que provoca que moitos non se traten".
Ademais, SOS Sanidade denuncia o proxecto de recortar a carteira dalgúns servizos sanitarios que agora son prestados polo sistema público, como as mamografías ou os tratamentos de infertilidade, a intención de pechar centros de urxencias e farmacias no rural galego ou a supresión do dereito á atención sanitaria a mozos maiores de 26 anos que non cotizaran, a persoas sen recursos ou a inmigrantes sen papeis.
SOS Sanidade, plataforma na que se integran, entre outros, asociacións veciñais, sindicatos, colectivos sociais e os concellos de Pontevedra e a súa área de influencia, criticou ademais a paralización do Hospital ÿnico de Pontevedra. "Non existe ningunha previsión para iniciar o fantasmal novo hospital, acollido ao novo modelo de financiamento e xestión privada, que utilizou o PP como señuelo para ocultar a paralización da ampliación de Montecelo".
"O fantasmal novo hospital foi utilizado polo PP como señuelo para ocultar a paralización da ampliación de Montecelo"
A este respecto, insisten en que a ampliación do actual hospital "é o único proxecto viable nunha situación de crise como a actual" e criticaron que a situación presente cun hospital fraccionado en dous segue xerando "serias limitacións de recursos". Di Miguel Vilacoba, presidente da Federación veciñal Teucro que Pontevedra "vai quedar á cola en atención sanitaria e imos ter as peores infraestruturas hospitalarias de Galicia".
Para rematar, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, en nome dos concellos adcritos a SOS Sanidade Pública, denunciou que o hospital de Monte Carrasco "é a gran mentira de Feijóo" e criticou que o goberno do PP converta unha sanidade "universal, gratuita e de alta calidade" nunha oportunidade de negocio para empresas privadas. Ante iso dixo, "os cidadáns debemos dar unha resposta contundente de insubmisión e rebeldía".
Nos próximos días SOS Sanidade Pública realizará actos informativos nas parroquias do rural, nas asociacións de veciños e nos concellos da comarca. O obxectivo é repetir o éxito da anterior mobilización, porque segundo Verísimo Pazos, presidente da Federación de Veciños Castelao "xa é hora de que nos volvan escoitar e nos fagan caso".