A Deputación proponse de mellorar a competitividade do 64.000 pemes e autónomos da provincia
Por Redacción
Carmela Silva, presidenta da Deputación, manifestou a súa satisfacción polo resultado da reunión de traballo mantida cos presidentes das Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vilagarcía, Vigo yTui.
O obxectivo do encontro foi ofrecer aos autónomos e as pequenas e medianas empresas da provincia un instrumento para atender as novas demandas dos mercados. Para iso, a entidade provincial conta cos Centros Provinciais de Asesoramento Empresarial en Pontevedra, Cambados, Lalín, Porriño, Ponteareas e Vigo. Estes centros contan con asesores especializados nos sectores produtivos de cada comarca; aínda que con interrelación entre todos eles.
"Queremos apostar pola mellora competitiva usando as TIC's para que estas pemes e autónomos consigan maior eficacia, rendibilidade e por tanto máis emprego" dicía Silva. O 92% do tecido empresarial da provincia compóñeno 64.000 autónomos e pemes, por iso a primeira das reunións con axentes sociais e empresariais que se mantivo na entidade Provincial, foi coas catro cámaras.
A partir de agora a Deputación de Pontevedra seguirá coa serie de reunións, coa intención ademais de contar coa colaboración dos concellos.
Na devandita reunión presentóuselles a oferta dos CPAE, solicitóuselles información sobre as necesidades que presentan estes empresarios e emprendedores; así como a divulgación das iniciativas que desenvolven estes centros. De igual maneira ofrecéuselles a posibilidade de desenvolver actividades de capacitación en novas tecnoloxías.
A primeira iniciativa prevista será o próximo 20 xaneiro e está dirixida a todas as pemes e autónomos da provincia. Consistirá nun almorzo de traballo para fomentar o uso das redes sociais como canle de venda. Para iso convidouse como relator a Francesc Pumarola, consultor en estratexias dixitais para empresas. Actualmente é dixital manager en Hijos de Rivera.