Contar con pequenas empresas e autónomos máis competitivos, obxectivo da Deputación
Por Alejandro Espiño
Un programa "moito máis ambicioso" que o actual para mellorar a competitividade das pequenas empresas e autónomos. Así definiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, o obxectivo do proxecto SmartPeme, que nace para substituír o actual CPAE 2.0 e dar un impulso maior á iniciativa económica da provincia de Pontevedra.
O proxecto ofertará aos emprendedores, autónomos e as pemes da provincia servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC,s. Todo iso da man dos propios implicados e a colaboración das asociacións de empresarios.
Carmela Silva recordou que os seis centros de asesoramento e formación do SmartPeme situados en Ponteareas, O Porriño, Cambados, Lalín, Vigo e Pontevedra contarán cun técnico que poderá asesorar en materia concreta de cada sector no que se especialice en cada un dos territorios.
O novo enfoque do proxecto SmartPeme é darlle unha orientación cara as necesidades reais das pemes da provincia e tamén dos propios concellos. De feito serán tres paquetes. Un para os concellos, outro para emprendedores e outro para a colaboración coas asociacións e entidades. Cada un de eles terá obxectivos de formación e asesoramento específicos nas distintas ferramentas tecnolóxicas de cada sector.
A empresa KPMG Asesores será a que xestione esta nova iniciativa tras presentar a mellor oferta. Permitirá un aforro de 150.000 euros sobre o prezo de licitación e ofreceu un maior número de actividades, un técnico máis dos previstos para o asesoramento empresarial e o compromiso de reabrir os seis centros no prazo dunha semana.
AXUDAS NO AGRO E NO MAR
A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases reguladoras das axudas para as cooperativas e asociacións agrogandeiras e para as confrarías de pescadores e as asociacións de mariscadoras da provincia. Ambas liñas de axudas teñen un orzamento de 200.000 euros cada unha e poderán solicitarse unha vez sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia.
No caso das cooperativas agrogandeiras, o máximo da axuda será do 50 por cento do orzamento e queda excluída a compra de maquinaria tal e como as propias cooperativas solicitaron xa que teñen axudas da Xunta para este fin; mentres que as axudas ao sector pesqueiro e marisqueiro estarán comprendidas entre o 20 e o 80 por cento do orzamento que as entidades presenten.
Relacionadas:
-
Como ser máis competitivos grazas á tecnoloxía
Por Oskar Viéitez |
-
Aprender a emprender desde a escola
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación reorienta o servizo de asesoramento empresarial cara á mellora competitiva
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación proponse mellorar a competitividade do 64.000 pemes e autónomos da provincia
Por Redacción |