Vaipolorío denuncia as verteduras ao Gafos producidas pola rede de sumidoiros durante os temporais
Por Oskar Viéitez
A asociación Vaipolorio denunciou ante diferentes administracións por vía administrativa e xudicial a vertedura producida pola rede de rede de sumidoiros no río dos Gafos.
Segundo publicou en Facebook o colectivo ecoloxista, durante os últimos temporais ata once pozos de rexistro da rede de saneamento desbordaron afectando o río.
Na súa denuncia incluíron ademais a acumulación de gran cantidade de lixo, principalmente plásticos, "provintes dos dous asentamentos de etnia xitana", en concreto do Nó do Pino e Ponte do Couto.
Por outra banda, entre os estragos producidos polo forte vento e as copiosas choivas, atópase a caída de media ducia de árbores sobre o sendeiro fluvial e catro pontes.
Na súa denuncia acompañan un vídeo gravado o sábado 16 de xaneiro preto da ponte "Leira longa", na parroquia de Bértola no concello de Vilaboa. E tamén outras imaxes "vergoñosas" do mesmo día no lugar dos Laranxos preto do punto no que se xuntan as augas do río Tomeza (Gafos) e o río Pintos, no Marco, por tanto no Concello de Pontevedra, "que tamén foi denunciado".
Vaipolorío adianta a súa intención de recuperar todos estes espazos danados "cando o caudal e as condicións meteorolóxicas o permitan".
Con dúas excepcións: os problemas de saneamento e os asentamentos ilegais, "por entender que hai responsables directos destes problemas, para os que lle pedimos por enésima vez: solución!".
Relacionadas:
-
Vaipolorío reitera as súas denuncias polo impacto do asentamento chabolista do Couto
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local pretende que as obras para sanear o río Gafos comecen antes de 2017
Por Redacción |
-
Traballos na rede de saneamento do río Gafos para arranxar os danos do inverno
Por Redacción |
-
Xornada de limpeza dos nosos ríos
Por Redacción |
-
Vaipolorío "senta cátedra" na Escola de Enxeñaría Forestal
Por Redacción |