O uso do Pavillón será gratuito para os veciños de Ponte Caldelas
Por Redacción
O equipo de goberno do Concello de Ponte Caldelas levará a Pleno a derrogación da actual ordenanza que fixa as taxas pola utilización do pavillón municipal "para facilitar un uso ordenado e gratuíto das instalacións deportivas a todas e todos os veciños".
Asimismo, nesa mesma sesión someterase a aprobación os orzamentos municipais, os primeiros da lexislatura do tripartito que acadarán unha cifra lixeiramente superior a do ano pasado e sitúase nuns 3.750.000 euros, ao sumarlle os 496.000 euros que aporta a Deputación Provincial, e que foi cualificado polo alcalde, Andrés Díaz, como "o de maior contido social da historia recente do municipio".
Estes orzamentos verán incrementado o volume investidor con respecto ao ano pasado, subindo de 193.000 a 389.000 euros que irán destinados, fundamentalmente, "a atender as demandas plantexadas polos veciños nas asembleas realizadas para recoller as propostas dos 32 lugares que compoñen o municipio".
Por outra banda, o orzamento reforza o capítulo destinado a cultura e promoción turística de Ponte Caldelas que xirarán, básicamente, en torno a un plan cultural novidoso que terá como eixo a descentralización da actividade cultural no maior número de lugares posibles do municipio.
Outro capítulo importante será o destinado ao apoio ás asociacións e entidades socioeconómicas como COEMPO que pasará de recibir unha axuda que pasa dos 9.000 do ano pasado a 20.000 euros deste exercicio e que irán destinado a actividades de promoción económica e dinamización do pequeno comercio e a hostalería local.