Pontevedra aumentará os controis antidroga aos condutores da cidade
Un convenio entre o Concello de Pontevedra e a DXT, o primeiro que este organismo asina cun concello da provincia, permitirá que a Policía Local poida aumentar os controis antidroga que se realizan de forma aleatoria aos condutores pontevedreses.
Preténdese así atallar un problema de "gran magnitud" como foi cualificado pola xefa provincial de Tráfico, María Isabel Alonso de Linaje, o feito de que o 39% dos condutores e peóns falecidos por accidentes de tráfico en 2014 no noso país desen positivo por alcol, drogas de abuso ou psicofármacos.
Nos relativos ás drogas, un 50% deles consumiran cocaína e un 46% cannabis, as dúas substancias máis habituais nas persoas implicadas neste tipo de sinistros.
A DXT entregará á Policía Local, en virtude deste acordo, material para realizar as probas de drogas que consiste en dispositivos de recollida de mostras de saliva. Pola súa banda, o Concello comprométese a achegar unha cantidade similar e a aumentar o número de controis. Remitirase de forma trimestral un informe a Tráfico sobre o resultado das probas que se vaian realizando.
A responsable de Tráfico en Pontevedra insistiu en que este asunto hai que ter "tolerancia cero". Por iso, apuntou que a mera presenza de drogas nun control supón unha infracción administrativa e se iso afecta á condución "es un delito".
María Isabel Alonso de Linaje mostrou a súa preocupación de que con respecto ás drogas non exista a mesma concienciación social que co alcol, xa que lembrou que esas sustancias de abuso "compromete la seguridad vial" ao afectar á percepción, a atención, as capacidades de coordinación e reacción e modifica o comportamento ao volante "haciendo que el conductor asuma más riesgos".
"Es un asunto en el que tenemos que trabajar y por eso hemos decidido intensificar este tipo de campañas", explicou na rolda de prensa, na que estivo acompañada da concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, que destacou a "satisfacción" do Concello por reducir os positivos por alcoholemia a menos do 1% das probas realizadas -0,89% en 2015-, o obxectivo que marca a Unión Europea para o ano 2020.
Carme da Silva espera que este aumento dos controis teña un efecto "disuasorio" nos condutores pontevedreses, aínda que apuntou que o número "elevado" de positivos por drogas en Pontevedra débese ao protocolo actual, ao facerse as probas "aleatorias" a condutores que tras dar negativo por alcol mostran síntomas de ter "alteradas" as súas capacidades para conducir un vehículo.
Relacionadas:
-
A DGT centrará a súa vixilancia en motos e bicicletas durante a fin de semana
Por Redacción |
-
A DXT intensificará os seus controis durante a próxima semana
Por Redacción |
-
Os atropelos na cidade, baixo mínimos: houbo 34 en 2015 e ningún con falecidos
Por Alejandro Espiño |
-
Camións e furgonetas no punto de mira dos axentes de Tráfico
Por Redacción |
-
Aumentan os controis de droga a condutores en 2015: cannabis e cocaína, as máis detectadas
Por Redacción |
-
A Policía Local de Pontevedra patrullará con desfibriladores
Por Redacción |
-
O día en que o 'ollomóbil' pasou a ser o 'multacar'
Por Natalia Puga |