Veciños, comerciantes e comunidade educativa coñecen o proxecto para peonalizar Barcelos
Por Redacción
Os principais afectados polos plans do Concello de Pontevedra para a praza de Barcelos coñeceron este mércores todos os detalles do proxecto, que implica unha peonalización parcial da zona. A noticia xa era coñecida porque os concelleiros de Mobilidade e Benestar Social, Luís Bará e Carmen Fouces, adiantaran os seus plans á comunidade educativa do colexio público de Barcelos, pero, para facer partícipe ao resto da cidadanía, agora reuníronse con veciños, comerciantes e, de novo, a comunidade educativa.
A reunión convocada por Fouces e Bará citou a todos nunha aula do CEIP Barcelos, pero non espertou toda a curiosidade esperada entre os afectados, senón que apenas acudiron unhas decenas de persoas entre 40 e 50 nos momentos de maior afluencia.
Os plans municipais pasan por peonalizar unha parte da praza e son unha resposta directa a unha petición previa dos alumnos do colexio. Neste centro pontevedrés non teñen patio de recreo, de modo que esta iniciativa vai encamiñada a que o viario situado xusto diante do centro quede integrado nas instalacións deportivas e poidan usalo como espazo de lecer.
A medida non só afectará o colexio, senón que, ao implicar un cambio no sentido da circulación do tráfico e unha peonalización parcial da praza, afecta tamén a veciños, comeriantes e condutores en xeral. A eles é a quen ía fundamentalmente dirixida a reunión deste mércores porque o Concello quere que todos sentan partícipes dos plans.
O compromiso asumido polo goberno local, é que este ano se poida executar como mínimo a parte frontal do colexio e melloras na rúa Rouca. Xa nunha segunda fase exponse cambiar o lousado actual da praza de Barcelos, así como nas zonas de circulación onde está bastante deteriorado.
Relacionadas:
-
Inician unha recollida de sinaturas para pedir "más diálogo" no proxecto de reordenación do tráfico en Barcelos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As restricións de tráfico en Barcelos expóñense aos veciños
Por Redacción |
-
As obras de peonalización ante o Colexio Barcelos realizaranse durante a Semana Santa
Por Redacción |
-
O Concello peonalizará unha parte da praza de Barcelos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |