A estudante de moda Sheila Pazos viaxa cos seus "Paraísos artificiais" á Madrid Fashion Week
Por Redacción
O pasado mes de novembro, Sheila Pazos puña o broche de ouro a súa etapa como alumna dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) co primeiro premio de Debut 2015, o desfile no que o alumnado desta titulación presenta os seus proxectos de fin de estudos.
E do mesmo xeito que o seu proxecto Artificial Paradises chamou a atención do xurado de Debut, tamén o fixo entre os responsables de seleccionar a súa colección entre os proxectos presentados polos novos talentos forxados en escolas de arte de toda España que optan a participar no Ego, a pasarela para deseñadores emerxentes da Mercedes-Benz Fashion Week Madrid, que este luns presentou a súa edición número 63.
Deste xeito, Pazos vén de converterse nunha das nove seleccionadas para participar no desfile que porá peche a unha nova edición desta pasarela, na que amosará unha versión ampliada dos seus paraísos artificiais.
“Estou entusiasmada coa participación”, recoñece esta alumna de doutoramento da Facultade de Belas Artes, que o 23 de febreiro presentará a súa colección no Ifema madrileño.
Artificial Paradises constitúe pois “unha colección cunha gran compoñente decorativista” para a que toma como referencia “a xastrería contemporánea de Walter Van Beirendonck e Thom Browne”, para introducir “elementos que rompen a proporción e a concepción do traxe clásico”, dándolle protagonismo a detalles e accesorios e mesturando “elementos tradicionais da historia da moda, como a gorgueira ou os volantes, pero levándoos ao momento presente”.
Participar no Samsung Ego implica presentar unha colección integrada por vinte propostas, o que levou a Pazos a ampliar o seu proxecto de fin de estudos, unha colección unicamente masculina, e incorporar a Artificial Paradises, “sete estilismos de muller para ter unha colección máis completa”.
Relacionadas:
-
Sheila Pazos, de gañadora en Debut a finalista do certame International Talent Support
Por Redacción |
-
A facultade de Belas Artes acolle unha nova exposición de Arte Contemporánea na Sala X
Por Elena Álvarez Quintá |
-
Os paraísos artificiais impóñense en Debut 2015
Por Diego Torrado |
-
Quero a mochila Human 2.0
Por Marisa Ciordia |
-
A pontevedresa Sheila Pazos, premio 'Xuventude Crea' na modalidade de moda
Por Redacción |
-
O estilo dandy de Marta Domínguez, premiado no Xuventude Crea
Por Redacción |