Máis luz e menos danos no mercado de Portonovo
Por Redacción
O mercado de abastos de Portonovo, en Sanxenxo, está a ser obxecto dun programa de melloras. A Concellería de Servizos comezou esta semana traballos no interior das instalacións para mellorar a iluminación e a próxima semana acometerá outras actuacións no exterior.
No interior do mercado están a substituír as pantallas e tubos fluorescentes que estaban estragados, así como as lámpadas que non funcionaban por outras novas. A maiores substituirán o canlón situado entre a nave principal e o anexo no que se sitúan os vendedores de verdura, por atoparse picado e con deficiencias que xeraban problemas de humidade no interior.
A actuación prevista inclúe a reparación das xanelas na zona reservada para os vendedores de verdura. Tamén nesta área, a Concellería de Servizos ten previsto ampliar a iluminación, coa instalación de polo menos catro novos postos de luz, todo co obxectivo de "crear as condicións idóneas de iluminación para favorecer a actividade comercial nesta contorna".
Segundo indicou o concelleiro delegado de Servizos, Maxi González, tamén está prevista unha actuación para mellorar a iluminación exterior do edificio, tanto no seu frontal como na parte destinada a aparcadoiro, onde moitas dos farois están estragadas e non aluman. Instalaranse báculos máis altos e dotados con lámpadas led que iluminen toda a chaira por encima das árbores existentes.