A voltas coa avenida Luis Rocafort, o PP de Sanxenxo exerce de Santo Tomás
Por Redacción
A reforma da avenida de Luis Rocafort en Sanxenxo segue sendo obxecto de disputa entre o Partido Popular e o goberno provincial da Deputación de Pontevedra.
Desde a institución provincial insisten en que se acometerá a reforma, mentres que os populares exercen de santo Tomás, é dicir, que terá que meter non xa o dedo senón a man e o antebrazo na chaga para crerse que tal medida sairá adiante.
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou este venres que a reforma da rúa Luis Rocafort en Sanxenxo se vai facer e que as obras comezarán este ano.
Benítez insistiu en que "en ningún momento a Deputación pensa renunciar á mellora da vía" e resaltou que o que se pretende a día de hoxe é ampliar a urbanización a toda a lonxitude da estrada para dar servizo a veciños e demais usuarios. "Garanto que a obra se vai facer e iniciar este ano, pero queremos mellorar as condicións e facela ben", insistiu.
Para o Partido Popular esta afirmación se fixo "coa boca pequena" e engaden que "nin sequera coa rotundidade que esixiría unha decisión desta importancia".
O deputado nacionalista lembrou que os técnicos da Deputación de Pontevedra están estudando as fórmulas legais para poder executar os traballos de forma completa e non en fases e indicou que nas vindeiras dúas semanas se coñecerá o procedemento a seguir.
O PP cre que estas "supostas" modificacións no proxecto "calquera que teña experiencia de xestión sabe que, ainda caso de que foran verdade, sempre se poderían facer ao mesmo tempo que se executa a obra".
En canto ao suposto proxecto para a un túnel no último treito da rúa, Benítez indicou que non ten coñecemento da súa existencia nin de que fose elaborado no departamento de Mobilidade e Infraestruturas da Deputación. En calquera caso, tanto dende o organismo provincial como dende o Concello de Sanxenxo se considera que é unha solución ineficaz para resolver os problemas de tráfico existentes.
Todas estas cuestións as que Benítez fixo referencia este venres no Pleno da Deputación xa foran tratadas na entrevista mantida co alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, a primeiros de febreiro. Dende entón os técnicos provinciais están buscando as mellores opcións para poder facer a obra con garantías e mellorar a calidade de vida dos veciños de Sanxenxo, polo que o deputado lamentou que se sementen dúbidas sobre as intencións da Deputación de Pontevedra nese sentido.
O proxecto de urbanización de Luis Rocafort que o novo goberno da Deputación atopou ao chegar presentaba varias defeciencias. Unha delas era que non contemplaba a renovación dos servizos subterráneos de saneamento. Para coñecer o estado encargouse un informe que indicou a existencia de zonas con deterioros importantes que precisarían de obras de reposición a medio prazo. Por outra banda, o proxecto inicial tamén presentaba carencias en materia de iluminación e accesibilidade que houbo que correxir.
Ademais de incluír todos estes cambios, a Deputación quere ter en conta tamén no proxecto final as cesións conseguidas polo Concello de Sanxenxo, que permitirán construír beirarrúas de dimensións suficientes. Por outra banda, tamén se pretende axustar a actuación ás alineacións establecidas polo Plan Xeral, xa que o anterior proxecto non o facía. Por último, e tendo en conta que era ilóxico deixar un pequeño treito de rúa sen mellorar, preténdese ampliar o ámbito de actuación.
Todos estes cambios no proxecto inicial requiren un fondo análise por parte dos técnicos provinciais para poder levar adiante unha actuación con garantías administrativas. Esa análise é a que está a día de hoxe sobre a mesa dos traballadores provinciais.
Relacionadas:
-
A Deputación e o Concello de Sanxenxo selan o acordo para a reforma da Avenida Luis Rocafort
Por Redacción |
-
O novo convenio para a reforma de Luis Rocafort aprobarase a próxima semana
Por Alejandro Espiño |
-
A urbanización completa da avenida Luís Rocafort sairá de novo a licitación
Por Oskar Viéitez |
-
Setecentos metros cadrados de cesións altruistas dos veciños mellorarán a actuación en Luis Rocafort
Por Redacción |
-
Carmela Silva asegura que o proxecto de Luís Rocafort non se axustaba ao Plan Xeral de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Estudan ampliar a toda a rúa a reforma prevista na avenida Luis Rocafort
Por Redacción |