Comuneiros e ciclistas comparten unha xornada de traballo no monte para o control de especies invasoras
Por Redacción
A Mancomunidade de Montes de Pontevedra comezou o pasado ano un proxecto de custodia do territorio.
Este ano co obxecto de dar a coñecer a entidade de custodia "Montes de Pontevedra" a mancomunidade organiza unha xornada de voluntariado que ten por obxecto difundir o problema das especies invasoras e controlar a súa expansión nos montes de Pontevedra
Esta actividade organízase ao abeiro do programa "Tecendo redes para a custodia do territorio en España 2015-2016. Fomento da implicación social na conservación do territorio" en colaboración coa Rede Estatal de Custodia do territorio, a Xarxa da Custodia do Territori e a Obra social La Caixa.
O obxectivo do programa é implicar á sociedade civil na conservación do noso patrimonio natural, difundindo a importancia da súa preservación, os seus valores sociais e os dos montes veciñais e como a custodia do territorio axuda a conseguir estes fins.
A xornada celebrarase o vindeiro día 13 de marzo, domingo en horario de mañá e contará co apoio na súa organización da Asociación Pedaladas e da Asociación pola Defensa da Ría.