Estiman unha ocupación hoteleira do 82% na comarca de Pontevedra durante a Semana Santa
Por Oskar Viéitez
A falta das reservas de última hora, a ocupación hoteleira estimada para a provincia de Pontevedra será de aproximadamente o 70%, segundo os datos ofrecidos este venres pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, dentro das estimacións de Turismo Rías Baixas para estes días festivos.
Carmela Silva fixo fincapé especialmente nos establecementos de turismo termal, cuxa estimación de ocupación acada o 85%. Na comarca de Pontevedra se prevé que a ocupación sexa superior á provincial, acadando o 82% e, nos establecementos de turismo rural, do 81%, 20 puntos por riba da estimación provincial que é do 61%.
As persoas que viaxan ata as Rías Baixas son principalmente de España, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos, que se decantan por un turismo en familia, chegan ata a nosa provincia en coche e amosan o seu interese nos aspectos culturais da provincia de Pontevedra.
Para acollelos nas mellores condicións, Carmela Silva informou que a Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas ten xa preparadas as súas oficinas de información turística de Pontevedra no Palacete das Mendoza, do Aeroporto de Peinador e do Mosteiro da Armenteira, que estarán abertas durante toda a Semana Santa en amplos horarios.
Dende Turimo Rías Baixas detectaron nestas oficinas un incremento do número de visitantes no primeiro trimestre do ano e con respecto ó ano anterior. No caso concreto da oficina do Palacete das Mendoza, en Pontevedra, o incremento foi do 3%.
Amais das oficinas xestionadas directamente por Turismo Rías Baixas, haberá numerosas oficinas municipais abertas na provincia de Pontevedra. En todas elas se distribuirá o material de promoción, sendo a guía de rías e ríos e a de cultura as de maior saída.
EMPREGO
11 persoas traballarán entre 3 e 11 meses en 6 concellos da provincia para atender ós turistas que visiten as Rías Baixas, dentro da partida correspondente do Plan Concellos. De cara ó verán, ademais, a presidenta da Deputación destacou que a través do Plan de Práctica Laboral está previsto que a partir de maio comecen a traballar ben nos concellos ou na institución provincial 12 bolseiros graduados en turismo e 7 bolseiros do ciclo superior en animación sociocultural e turística.
Carmela Silva tamén informou que de cara ós vindeiros meses sairán bolsas de Turismo Rías Baixas para que informadores turísticos poidan atender as oficinas municipais de turismo.