Pontevedra tivo en Semana Santa unha ocupación hoteleira do 85%
Por Redacción
A pasada Semana Santa foi, como reflicten os datos que difundiu o Concello, unha das mellores dos últimos anos en cuestión turísticas. A ocupación hoteleira alcanzou un 85%, segundo acredita o propio sector no seu balance de estes días.
Así, o goberno ve unha crecente desestacionalización do turismo na cidade que rexistra picos coincidindo cos distintos eventos nacionais e internacionais celebrados, principalmente, en materia deportiva e cultural, no Camiño de Santiago e no modelo urbano.
Os datos turísticos da Semana Santa amosan tamén, segundo a concelleira Anabel Gulías, que Pontevedra gaña peso como destino pero tamén como base para percorridos polas Rías Baixas e o conxunto de Galicia, dun xeito especial nas chamadas estancias curtas de ata catro días.
Na pasada Semana Santa dos visitantes que pasaron polos centros municipais de información turística preto do 30% durmían na cidade do Lérez.
Nos puntos de atención turística municipais -Casa da Luz, praza de España e Vialia- pediron información un total de 2.888 persoas, o 89,1% delas orixinarias de Galicia e as distintas comunidades do Estado (Madrid, País Vasco, Castela León e Cataluña principalmente) e o 10,9% chegados do estranxeiro, con maioría de portugueses, arxentinos e alemáns.
A análise dos datos recollidos nos tres puntos de atención ao visitante, recollidos e avaliados pola empresa Turismo de Pontevedra, traza un perfil que elixe a cidade como destino. Trátase dunha muller (no 52,7% dos casos), cunha idade que vai dende os 36 aos 59 anos (49,7%) e aloxado nun hotel (71,8%).
A meirande parte dos turistas que veñen a Pontevedra chegan á cidade en vehículo particular, o 57,69% do total aos que hai que engadir outro 23,4% que chegou en bus. Oito de cada dez declararon que visitaba a cidade do Lérez por vez primeira.
Relacionadas:
-
Demandan a Patrimonio que defina con "claridade" a delimitación do Camiño portugués e a súa ruta definitiva
Por Redacción |
-
Poio tivo esta Semana Santa unha ocupación hoteleira do 54%
Por Redacción |
-
O turismo en Sanxenxo "aguantou ben chaparrón" esta Semana Santa
Por Oskar Viéitez |
-
Estiman unha ocupación hoteleira do 82% na comarca de Pontevedra durante a Semana Santa
Por Oskar Viéitez |