Chegan as primeiras reclamacións dos marinenses afectados polo apagón
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Concello de Marín comezou a coordinar as posibles reclamacións de particulares e negocios afectados pola interrupción do abastecemento eléctrico durante gran parte do luns 28 de marzo.
Dende o Instituto Galego de Consumo recomendan reclamar primeiro á propia subministradora, pola súa páxina web ou ben dirixíndose á oficina da empresa, coa copia do DNI, e a última factura.
Ademais, no propio Concello dispóñese de follas de reclamación para presentar ante a Consellería de Industria, que tamén se poden descargar dende a web municipal e que poden entregarse no propio rexistro, xa que o Concello de Marín dispón de portelo único coa Xunta.
A folla de reclamacións deberá acompañarse da fotocopia do DNI e a última factura da empresa abastecedora, achegando tícket de compra, facturas, e todos os elementos que sufriran deterioro motivado pola avaría. Esto poden solicitalo tamén a través dos seus propios seguros.
Estanse a coordinar as accións tanto coa oficina de consumo de Marín como coa Asociación de comerciantes Estrela de Marín.
Tamén estase a informar da posibilidade que, segundo as oficinas de consumidores, teñen os particulares para reclamar a parte proporcional do servizo interrompido, e que tamén teñen no concello un modelo a súa disposición.
PETICIÓN DO BNG
O grupo municipal do BNG de Marín presentou, pola súa banda, unha moción para o seu debate no vindeiro Pleno na que instan ao goberno local a crear unha oficina para a tramitación de todas as reclamacións de particulares ante Gas Natural polos danos producidos pola falta de subministro eléctrico durante a xornada do día 28 de marzo.
Dado o alto número de afectados, o BNG pídelle ao Concello de Marín que solicite a Xunta que desprace persoal do Instituto Galego de Consumo para atender e asesorar esas reclamacións.
Para isto o Concello terá que facilitar "todos os medios posibles para o axeitado funcionamento deste punto de información e asesoramento que será totalmente gratuíto", sinalan dende o Bloque.
Os veciños afectados terán a posibilidade de informarse e tramitar as súas reclamacións a través deste servizo. A oficina encargárase ademais de escanear a documentación e facturas que aporte cada afectado, preparando o expediente de reclamación.
Finalmente os nacionalistas propoñen que a delegada de Comercio coordine persoalmente este servizo.