Xa están en marcha as axudas da Deputación para o deporte e o sector agropecuario e pesqueiro
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu conta da aprobación pola Xunta de Goberno das axudas para actividades deportivas e para as asociacións e confrarías de pescadores e para as cooperativas agrarias.
DEPORTE
A Deputación presentou as bases de subvencións por valor de medio millón de euros, para as actividades deportivas desenvolvidas durante o 2016 na provincia de Pontevedra por asociacións e clubs deportivos sen ánimo de lucro.
Para a concesión das axudas teranse en conta criterios como o número de deportistas ou equipos participantes na actividade, o ámbito territorial do evento, o número de xornadas do mesmo, a súa antigüidade e consolidación, a inclusión do evento no calendario oficial de competición, o seu orzamento de gastos e ingresos e a achega económica que a propia entidade ou club destinan ó financiamento da actividade.
A Deputación incrementou o orzamento destinado a deportes nun 9,2% no 2016 con respecto ó ano anterior, acadando un investimento de 6 millóns de euros, medio millón máis que en 2015.
SECTOR AGROPECUARIO E PESQUEIRO
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, tamén informou da posta en marcha de dúas liñas de axudas para as asociacións e confrarías de pescadores e para as cooperativas agrarias.
Estas dúas liñas de axudas, dotadas cada unha de elas, con douscentos mil euros foron negociadas cos propios interesados.
Por último, Carmela Silva subliñou que a liña de axudas coas cooperativas agropecuarias xa está acordada con elas e que as bases poderán ser aprobadas en quince días. No caso das confrarías e asociacións pesqueiras está en proceso de consulta interna do propio sector.