Vaipolorío pide axuda para recuperar dúas rozadoras que lles roubaron
Por Redacción
A asociación ecoloxista Vaipolorío pide colaboración cidadá para recuperar dúas máquinas rozadoras que lle roubaron nos últimos días cando as tiñan gardadas nun espazo comunitario pechado con chave.
Desde o colectivo xa formalizaron unha denuncia polo roubo na Comisaría da Policía Nacional e axentes da Policía Científica achegáronse polo lugar do roubo para recoller probas que permitan esclarecer a subtracción.
As máquinas subtraídas están valoradas nun total de 1.000 euros e son da marca Oleo Mac e os modelos Esparta 44 e 740 T. A asociación sospeita que as persoas que as roubaron poden tentar vendelas por diferentes medios, de modo que piden colaboración cidadá para que lles avisen se atopan as máquina á venda nalgún negocio, tanto físico como online.
Toda persoa que teña información que poida axudar a recuperar as dúas rozadoras pode poñerse en contacto coa asociación a través do número 676842942. Úrxelles a recuperación, pois utilizan estas ferramentas para os seus traballos diarios de limpeza das marxes do río Gafos e, na actualidade, teñen que utilizar as máquinas dos voluntarios da asociación.