Arredor do 80% do persoal de Linorsa secundou a primeira xornada da folga nos centros de saúde
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
As traballadoras da compañía Limpezas do Noroeste, SL iniciaron este martes 3 de maio unha folga que se estenderá ata o 8 de maio en 24 centros de saúde da área sanitaria das comarcas de Pontevedra e do Salnés. Arredor do 80% do persoal de Linorsa secundou a primeira xornada da folga de seis días, segundo informou CIG-Servizos.
Con esta medida de protesta as 49 traballadoras de Linorsa en Pontevedra queren presionar ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para que rescinda o contrato á empresa, para reclamarlle a que lles abone os salarios e liquide as débedas pendentes co persoal.
A empresa concesionaria Linorsa, concesionaria dos servizos de limpeza en centros educativos e sanitarios públicos, presentou o pasado 19 de abril no xulgado do Mercantil de Vigo concurso de acredores ordinario e voluntario cunha débeda estimada ao redor dos oito millóns de euros.
O portavoz da Federación de Servizos do sindicato CIG, Marcos Cadórniga, explicou que a intención do persoal da empresa de limpeza é manter a folga durante a primeira semana de cada mes. Con todo estanse atopando con algunhas dificultades sobrevindas da situación de quebra na que se atopa a concesionaria. Por exemplo, os servizos mínimos decretados polo Sergas non foron comunicados ás traballadoras porque "a empresa a día de hoxe desapareceu".
"Evidentemente", sinalou Marcos Cadórniga que aquelas traballadoras que non teñan comunicación por parte da empresa "pode que non se presenten ao posto de traballo nin sequera para cubrir os servizos mínimos".
Curiosamente Linorsa só avisou ás catro traballadoras do comité de folga para advertirlles que forman parte servizos mínimos, segundo CIG, o resto non foron notificadas.
Arredor do 80% do persoal de Linorsa secundou a primeira xornada da folga
Esta xornada de folga, segundo o sindicato convocante, está a ser "tranquila". As traballadoras fixeron un percorrido polos distintos centros de saúde e mesmo algunhas se incorporaron ao traballo por indicación do propio sindicato ao coñecer que formaban parte dos servizos mínimos, aínda que elas non o sabían.
Ao mediodía un grupo de traballadoras, acompañadas da secretaria comarcal de Servizos da CIG en Pontevedra, Diana Rodríguez, protagonizou unha concentración ante a delegación de Sanidade en Pontevedra esixindo ao Sergas unha mediación neste conflito laboral e que proceda a rescindir o contrato coa empresa, do mesmo xeito que o fixeron outras administracións públicas como o Concello de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Temen infeccións nos hospitais de Pontevedra ante a baixada do orzamento do servizo de limpeza
Por Redacción |
-
O Sergas inicia os trámites para rescindir o contrato con Linorsa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
A CIG maniféstase no Día da Clase Obreira para reclamar a anulación das reformas laborais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
UGT e CC.OO. lembrarán o Primeiro de maio que é necesario traballo con dereitos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
As traballadoras de Linorsa no Príncipe Felipe síntense enganadas pola Deputación
Por Redacción |
-
Preocupación no persoal de Linorsa tras a entrada da empresa en concurso de acredores
Por Redacción |