Temen infeccións nos hospitais de Pontevedra ante a baixada do orzamento do servizo de limpeza
Por Redacción
O Sergas (Servizo Galego de Saúde) sacará a concurso este venres 10 a concesión do servizo de limpeza dos dous hospitais de Pontevedra, Provincial e Montecelo. O sindicato CIG denunciou a baixada "espectacular" do orzamento respecto das dúas últimas convocatorias, nos anos 2012 e 2014. Nestes casos o orzamento situábase en 15.991.000 euros e agora rebáixase en 445.000 euros.
Esta convocatoria, segundo a central nacionalista, foi boicoteada polas empresas de limpeza ao entender que o orzamento previsto pola Xunta era moi reducido. Con todo, a empresa Seralia, con sede en Valladolid si se presentará e os representantes dos traballadores temen que cheguen a presentar unha oferta "temeraria" á baixa.
Diana Rodríguez, secretaria comarcal de CIG-Servizos de Pontevedra, afirma que o salario das 132 traballadoras rolda os 4 millóns de euros anuais, unha cantidade que co orzamento presentado polo Sergas non chegaría a cubrirse nin esa cantidade correspondente ao custo do persoal. Ante esta situación descoñecen como a nova concesionaria podería facer fronte ao material, subministracións e cobertura de baixas ou de vacacións.
Ante esta situación, Diana Rodríguez e Xermán Rouco de CIG, denuncian que se está xogando coa calidade asistencial e a protección dos pacientes porque entenden que o servizo se verá prexudicado e existe o perigo de que se produzan "infeccións".
Alertan de que estarán pendentes deste proceso e que denunciarán estas prácticas do Sergas ante a Inspección de Traballo se se recortan as condicións laborais das traballadoras, que teñen que ser subrogadas pola nova empresa adxudicataria. Afirman que non están dispostos a que se repitan situacións como a das traballadoras de Linorsa, encargadas da limpeza nos centros de saúde.
Na actualidade, a empresa encargada da limpeza, Grupo Norte-Limpisa, continúa ofrecendo este servizo aínda que o contrato finalizou en abril e xa anunciou que non cubrirá as vacacións das traballadoras durante este verán.
Relacionadas:
-
O Sergas rexeita as acusacións da CIG e garante a limpeza dos hospitais de Pontevedra
Por Redacción |
-
As traballadoras da limpeza en Príncipe Felipe convocan unha folga indefinida
Por Oskar Viéitez |
-
O Sergas inicia os trámites para rescindir o contrato con Linorsa
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Arredor do 80% do persoal de Linorsa secundou a primeira xornada da folga nos centros de saúde
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot | Creada e actualizada