O 16 de maio o DNI e os pasaportes deixarán de tramitarse na Comisaría e estrearán sede
Por Natalia Puga
Todo aquel cidadán que queira tramitar o seu DNI ou pasaporte a partir do próximo 16 de maio, xa non deberá acudir á primeira planta da Comisaría Provincial da Policía Nacional da rúa Joaquín Costa. Terá que dirixirse ao número 1 da rúa Fernández Villaverde, entre a rúa Michelena e a praza de Curros Enrríquez, a nova sede do servizo.
PontevedraViva xa anunciara que o traslado do servizo de tramitación do DNI e o pasaporte á nova sede, nas antigas instalacións do Banco de España, sería inminente, pero agora púxoselle data e a Comisaría decidiu anuncialo a todos os cidadáns da forma máis directa posible, a través dun cartel colgado nas instalacións actuais desde este venres 6 de maio.
Trátase dun traslado xa anunciado hai cinco anos, tras a rehabilitación das instalacións entre 2010 e 2011, e desde entón reclamouse periodicamente. Supón que o primeiro piso da Comisaría gaña espazo dispoñible para outras actividades propias da Policía Nacional e os cidadáns poderán renovar a súa documentación nunhas dependencias novas e con maiores comodidades.
Aínda hai moito camiño por andar antes de que abran ao público as dependencias, situadas en Fernández Villaverde entre o supermercado Froiz e a antiga sede do Banco de España, nunha planta baixa. Nos últimos días puido verse a operarios facendo pequenas reparacións para a súa posta a punto, pois levaban case cinco anos pechadas desde que terminaron as obras de rehabilitación, e xa se realizaron tarefas de limpeza, pero queda o máis importante: a mudanza.
A mudanza implica trasladar todos os equipos e habilitar o sistema informático propio do servizo, que require o traballo do servizo informático da Policía Nacional e tamén de funcionarios da Casa da Moeda e Timbre.
Este traslado era unha reivindicación xa histórica da Comisaría e do sindicato SUP, que nos últimos meses retomara as protestas na rúa Fernández Villaverde para reclamar o traslado, pois entenden que as oficinas para a tramitación do DNI na Comisaría non ofrecen as condicións adecuadas para atender aos cidadáns e o edificio de Joaquín Costa necesita espazo para acoller a todo o persoal.
Relacionadas:
-
O DNI estrea oficinas: "Son más cómodas y céntricas"
Por Natalia Puga |
-
Todo a punto para que o DNI empece a expedirse o luns no antigo Banco de España
Por Natalia Puga |
-
Traslado inminente das oficinas do DNI ao antigo Banco de España
Por Natalia Puga |
-
Reclaman que as oficinas de emisión do DNI se trasladen xa ao antigo edificio do Banco de España
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
As oficinas do DNI non se poden trasladar á rúa Michelena polo alto prezo de aluguer que piden á Policía
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |