"A dirección de Celtic Estores intenta trasladar o modelo asiático a Moraña"
Por Oskar Viéitez
Celtic Estores S.L., é unha planta de produción, creada o ano 2000 en Moraña, dedicada á fabricación e distribución de cortinas e estores para protección solar á medida e estándar. A fábrica conta con cerca de douscentos traballadores, a maioría mulleres.
O comité de empresa, co apoio dos secretarios comarcais de UGT e Comisións Obreiras, denuncia que dende hai un tempo a dirección da fábrica intenta "trasladar o modelo asiático a Moraña" producindo unha maior presión por parte dos mandos intermedios no seu posto de traballo e un trato "menos respetuoso" cos traballadores.
"Cada tres minutos temos o encargado enriba", sinalan as traballadores indignadas por ter que "fichar" para poder ir ao baño "un tempo que se nos desconta do descanso". En algunhas empresa asiáticas os traballadores usan cueiros para non levantarse do seu posto, lembran os representantes sindicais.
Fai uns días a dirección despediu a compañeira Ángeles. Este feito causou unha "grande sorpresa" entre todo o persoal, xa que viña traballando na empresa case dende a súa apertura, "sen que en ningún momento a súa traxectoria profesional tivese ningún tipo de sanción".
O comité de empresa tivo unha reunión co xerente para solicitarlle que reconsiderase a decisión, e no peor dos casos que se lle impuxese unha sanción, xa que as acusacións da carta de despido "en absoluto son razóns xustas para despedir". En concreto, foi porque Ángeles protestou porque as gafas de seguridade facían que se lle empañasen os seus lentes e isto dificultaba o uso da serra para cortar as teas.
A dirección non rectificou o que o comité interpreta como "unha mensaxe dirixida ao conxunto da plantilla de obediencia sen rechistar ás ordes dos encargados, xa que do contrario se procederá ao despedimento da traballadora".
O comité de empresa cre que "non podemos permitir este tipo de prácticas, que establecen unhas relacións laborais baseadas no pau e no medo" polo que o vinceiro 26 de maio, ás 11.30 horas, farán unha concentración para reivindicar a readmisión de Ángeles.