Premian o servizo de farmacia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
Os hospitais de Pontevedra e O Salnés veñen de recibir un dos galardóns máis prestixiosos en materia de xestión sanitaria a nivel nacional, os premios Profesor Barea 2016, na categoría de xestión dunha área de coñecemento pola mellora da calidade e seguridade no uso de medicamentos no servizo de Farmacia.
O xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez, acompañado do director de Procesos Asistenciais, José Antonio Ortigueira Espinosa, e do xefe de sección de Calidade, Modesto Martínez Pillado, recolleu este premio outorgado pola Fundación Signo nun acto celebrado este martes na Aula Magna da Universidade Carlos III de Madrid.
Unha mellora da seguridade dos medicamentos orientada clinicamente á atención ao paciente, e a implantación de novas tecnoloxías foron claves para a obtención dos Profesor Barea 2016.
O servizo de farmacia pontevedrés creou tres liñas estratéxicas de traballo centradas no perfeccionamento e certificación de calidade; na orientación cara o paciente, abrindo canais máis directos de contacto a través das novas tecnoloxías e nos avances da detección de problemas no medicamento. Por outra banda, a análise de resultados levouse a cabo tendo en conta pacientes extrahospitalarios, a satisfacción dos clientes internos e externos e a mellora do seguimento farmacolóxico.