Dez servizos do CHOP finalistas aos premios que recoñecen os mellores de toda España
Por Redacción
Dez servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foron elixidos finalistas aos premios “Best in Class 2015”, que convoca a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos e que, anualmente, recoñecen os mellores centros sanitarios e servizos de toda España pola calidade da súa atención ao paciente.
Nesta décima edición, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra é o centro hospitalario que logrou máis candidaturas finalistas, xunto co de Bilbao-Basurto, o hospital Morais Meseguer de Murcia e o hospital Marqués de Valdecilla de Santander.
Os premios Best in Class (BIC) teñen como obxectivo recoñecer publicamente os mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de toda España, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais sanitarios.
A esta décima edición dos premios presentáronse 736 candidaturas, nas 39 categorías que están suxeitas ao índice ICAP (Índice de Calidade Asistencial ao Paciente), elaborado pola Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos. Este mes de outubro reuniuse o comité de expertos dos premios, que revisa a puntuación ICAP outorgada ás candidaturas presentadas e que proclamou os cinco finalistas en cada unha das categorías.
Dez servizos e procesos asistenciais do Complexo Hospitalario de Pontevedra resultaron elixidos finalistas nas súas respectivas categorías: o servizo de Reumatoloxía, que tamén é finalista no proceso de Artrite Reumatoide, Endocrinoloxía pola súa atención á diabetes, Neuroloxía pola súa atención á esclerose múltiple, Psiquiatría pola súa atención á esquizofrenia, Medicina Interno e Dixestivo pola súa atención á hepatite C, a sección de Infecciosos VIH-Sida, Cardioloxía, Hematoloxía, Pediatría e Atención ao Paciente.
Os premios entregaranse o próximo día 11 de novembro, en Madrid.
Relacionadas:
-
Premian o servizo de farmacia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
A sanidade en Pontevedra: un modelo asistencial centrado no paciente
Por Noticia patrocinada |
-
Premio nacional á xestión da Atención Primaria de Pontevedra e o Salnés
Por Redacción |
-
A mellor atención á psoriasis de toda España bríndase no Chop
Por Redacción |