Máis de 700 prazas oferta Xuventude para o programa Ponteverán 2016
Por Alejandro Espiño
Que os nenos sexan autónomos e o pasen ben na cidade durante o verán. É o obxectivo co que chega Ponteverán 2016, o programa lúdico e educativo que deseña e oferta a Concellería de Xuventude para os meses de xullo e agosto.
Serán dous meses de actividades nas que se ofertarán 739 prazas: 189 en campamentos, 401 en actividades de lecer e 158 en actividades formativas.
"Non facemos gardería, non somos ludotecas, o noso obxectivo non é a conciliación familiar" subliñou o concelleiro de Xuventude, Demetrio Gómez, durante a presentación de Ponteverán 2016, engadindo que "o que queremos é que os nenos e os mozos gocen das actividades".
Todas as actividades propostas, destacou o edil, están baseadas en valores de igualdade, convivencia, respecto ao ambiente, coñecemento da propia cultura e de promoción da actividade física e o deporte.
O prazo de inscrición ábrese o 6 de xuño. A adxudicación de prazas é por orde de chegada. Cada neno ou mozo poderá inscribirse só nunha actividade, aínda que porá poñerse en lista de agarda en outras por se quedaran prazas libres.
As incricións poden facerse a través de www.xuventude.pontevedra.eu, na Oficina Municipal de Xuventude de Pontevedra (rúa Sor Lucía, 2, 3º) ou ben no telefóno 986 840 367 en horario de luns a venres de 9 a 14 horas.