Xuventude oferta 520 prazas para nenos e mozos nas actividades de Ponteverán
Por Natalia Puga
A concellería de Xuventude de Pontevedra ofertará este ano 520 prazas para nenos e mozos dentro do programa de lecer e tempo libre para o verán Ponteverán. Entre os meses de xullo e agosto poñen en marcha un total de 24 iniciativas entre campamentos, obradoiros e actividades deportivas, culturais, de respecto ao medio ambiente e formativas, cifra que implica un aumento da oferta con respecto a anos anteriores, pero mantendo un orzamento similar, 35.000 euros.
O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou este luns a programación, que pon o foco en cinco aspectos, a igualdade, a convivencia, o respecto ao medio, o coñecemento da propia cultura e a promoción da actividade física e o deporte. As actividades estrutúranse en tres bloques e inclúen oito campamentos e obradoiros, cinco actividades culturais e deportivas e no medio natural e once actividades formativas.
Todas as actividades cos seus detalles e datas poden consultarse aquí. Algunhas das principais novidades son que o campamento de tempo libre 'Equal' repite como en anos anteriores, pero nesta ocasión consistirá nunha estancia de oito días no albergue de Coles, en Ourense. Ademais, estréase obradoiro, 'Diversidade-on: ser diferente é normal', para nenos de 8 a 12 anos do 10 ao 14 de xullo.
Outra novidade é que non haberá actividade de fútbol e que se estrea o obradoiro de cinema 'A semana máis curta' para nenos de 12 a 16 anos do 31 de xuño ao 4 de agosto. No caso do chamado campamento de maiores, a estancia no medio natural, será este ano na Costa da Morte enttre o 14 e o 16 de xullo para mozos de 18 a 35 anos.
As persoas interesadas deberán realizar unha pre inscrición, que poderá ser en liña, presencial en cálea Sor Lucía número 2, 3º; telefónica no número 986 840 367; ou a través do correo electrónico xuventude@pontevedra.eu. As datas varían en función da actividade, pero xa empezan a partir do próximo 5 de xuño. Poden consultarse as datas a través desta ligazón.
Algunhas actividades son gratuítas e a maioría están subvencionadas na súa maior parte e teñen unha cota moi reducida. Ademais, existe unha serie de descontos para persoas con carné novo, familias numerosas e para a segunda persoa da mesma unidade familiar e existen prazas reservadas para os servizos sociais municipais.