Sorprenden "in fraganti" en Sanxenxo un estafador con 195.000 euros en billetes falsos
Por Redacción
Ata 195.750 euros repartidos en case 1.800 billetes falsos. É o diñeiro que leva encima un home de nacionalidade camerunesa que foi detido pola Garda Civil en Sanxenxo. Estaba preparado para estafar a un veciño da localidade mediante o método coñecido como o timo do nixeriano.
O detido, cun amplo historial delituoso por feitos similares, foi posto a disposición do xulgado de Instrución número 1 de Cambados, acusado dos delitos de estafa e falsificación de moeda, e quedou en liberdade provisional con cargos.
Os axentes da Garda Civil, segundo sinala o propio instituto armado, pillaron a este home 'in fraganti' cando estaba a lle ofrecer á vítima do timo unha suculenta cantidade de diñeiro inexistente, a cambio dunha suma de diñeiro que tiña que adiantar, como condición para acceder á suposta fortuna.
Foi despois de que establecese contacto coa súa vítima, ao que lle mostraba varios feixes de billetes, todos eles cunha franxa impresa de cor negra, que se podería quitar utilizando determinados produtos químicos e así poder convertelos en billetes de curso legal.
De feito, no momento da súa detención, o home levaba consigo unha importante cantidade de billetes falsos empaquetados en 14 feixes, envolvidos en plástico transparente, ademais de dous envases co líquido para quitar a franxa negra.
A trama para persuadir á vítima continuou facéndolle unha demostración de como lles quitaba a franxa negra aos billetes utilizando un líquido, tras o cal solicitoulle unha achega económica de ata 50.000 euros, diñeiro que lle sería devolto ao finalizar a limpeza de todos os billetes, ademais dun 20% de comisión.
A inmediata intervención da Garda Civil frustrou o timo e os axentes detiveron ao seu presunto autor cando estaba a ultimar os detalles da estafa coa vítima.