Alertan dun novo peche de camas hospitalarias este verán que incrementará as listaxes de espera
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Representantes dos sindicatos CC.OO., CIG-Saúde e UXT e traballadores concentrábanse este mércores ante as portas do Hospital Montecelo e Provincial para manifestar a súa oposición ao novo peche de camas previsto pola xerencia dos hospitais de Pontevedra e O Salnés. Segundo estas centrais sindicais, o peche ascende a 110 camas en Pontevedra e a 30 no hospital do Salnés. Segundo os seus cálculos isto supón ao redor dun 18% das camas destes centros.
Xermán Rouco, representante de CIG-Saúde, sinala que se trata dun "peche patronal" e que se debe á falta de xestión derivada do desmantelamento do sistema público en beneficio do privado. Rouco afirma que con estas medidas a sanidade pública será para as clases máis desfavorecidas mentres que os centros concertados empregaranse polas clases adiñeiradas. Admiten que este verán pecharanse menos camas que en 2015 porque a decisión non afecta o servizo de oncoloxía, pero consideran que estas decisións provocarán un incremento das listas de espera. Neste sentido apuntan que as citas para servizos como radiodiagnóstico, resonancia ou ecografía danse xa para o mes de outubro en diante.
Rafa Vázquez, de CC.OO., incidiu durante a protesta na ineptitude do equipo directivo da xestión do centro poñendo como exemplo que a compra de chaquetas leva un proceso de negociación dun ano. E engadiu que a dirección oculta os problemas que se están rexistrando nestes centros hospitalarios. Neste sentido, Vázquez asegura que van continuar coa dinámica reivindicativa e que trasladarán a Fiscalía denuncias sobre a xestión que está a levar a cabo José Manuel González.
Ademais, o sindicalista de Comisiones Obreiras, reclamou a Prosagal, a agrupación con maioría na xunta de persoal, que encabece as reivindicacións do resto de sindicatos con representación. A presidenta da xunta de persoal, Carolina Iñarrea, asistiu acompañada por outras integrantes de Prosagal a esta concentración pero indicou que apoiaban a reivindicación a título persoal porque a maioría de representantes sindicais dentro da xunta non aprobaran esta convocatoria.
A XERENCIA XUSTIFICA O PECHE DE CAMAS
O xerente dos hospitais de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González, restou importancia ás protestas dos sindicatos "Todos os anos é a mesma película" e rebaixou a cifra de camas pechadas durante este verán a 80 en Pontevedra e 20 no Hospital do Salnés.
Afirmou que se trata dunha medida que se adopta para mellorar a xestión dos recursos e que se realiza en todos os hospitais de Galicia e de España. Os datos que manexa a xerencia sinalan que no verán de 2015 en Pontevedra, a pesar do peche, quedaron 100 camas libres e no centro do Salnés a cifra situouse en 35 camas sen ocupar a pesar de que se inhabilitou a terceira planta.
González insistiu en que "ningún paciente vai quedar sen atender" xa que no caso de que sexa necesario as camas poñeranse en funcionamento. E rexeitou as acusacións dos sindicatos relacionando este peche co apoio aos centros concertados por parte da Consellería: "cada ano derívanse menos pacientes aos concertados" e apuntou que o 98% dos pacientes que precisan intervencións cirúrxicas son operados en Montecelo.
O xerente indicou tamén que durante as épocas de vacacións é moi difícil suplir aos médicos porque non hai especialistas no paro.
O COLEXIO DE MÉDICOS, PREOCUPADO POR ATENCIÓN PRIMARIA
A xunta directiva do Colexio Oficial de Médicos da provincia tamén manifestou a súa preocupación, a través dun comunicado, polo deterioro que ven sufrindo a Atención Primaria como consecuencia das rebaixas presupuestarias e a supresión das Xerencias.
Reclaman criterios uniformes para definir as axendas de citación e denuncian a lacra da precariedade laboral, a política de sustitucións, as listaxes de espera e a masificación das consultas nos centros de saúde como algúns dos problemas que se detectan dende este organismo.