A Deputación proxecta sendas peonís na estrada provincial de San Vicente do Grove
Por Redacción
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, anunciou este xoves no Grove que a Deputación contratará de inmediato un proxecto específico para crear sendas peonís na estrada provincial que une o núcleo de San Vicente do Grove coa zona da igrexa e das praias.
Benítez fixo este anuncio a pé de estrada nunha visita que realizou a esta vía provincial da man do rexedor do concello, José Cacabelos, e parte do seu equipo municipal.
Deste xeito, comezará a materializarse unha das actuacións que Cacabelos sinalara como prioritarias para o concello do Grove cando se reunira con Benítez o pasado mes de febreiro.
Benítez deixou claro que non se realizarán actuacións que contemplen beirarrúas con ancho insuficiente para carriños de bebé ou cadeiras de rodas e insistiu en que nos tramos nos que non sexa posible realizar sendas peonís se estudarán "fórmulas de convivencia entre coches e peóns".
Pola súa banda, José Cacabelos coincidiu en sinalar que "o que non queremos é darlle a este núcleo carácter urbano, senón que queremos respectar a contorna priorizando primeiro as persoas, despois as bicicletas e por último os coches".
Ao abeiro do Plan MÓVESE, desde este concello tamén se solicitara a instalación de pasos de peóns sobreelevados e outros elementos redutores da velocidade nas estradas provinciais desde municipio. Sobre estas solicitudes, Uxío Benítez anuncioulle ao equipo municipal que foron valoradas positivamente e que en vindeiras datas se lles notificará oficialmente cales foron aprobadas.