A Deputación fará un estudo de sinistralidade na vía Coirón-Ribadumia-Leiro
Por Redacción
O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a alcaldesa de Meaño, Lourdes Ucha Varela, mantiveron este martes unha xuntanza de traballo para analizar as necesidades e solicitudes deste concello en materia de mobilidade.
Entre as prioridades, a rexedora solicitoulle ao deputado nacionalista o estudo de actuacións que axuden a paliar o problema de alta sinistralidade que afecta ao vial Coirón-Ribadumia-Leiro (EP-9305), no lugar de Padrenda. Atendendo a esta demanda, os técnicos provinciais elaborarán o estudo para combater este problema e introducir parámetros de seguranza viaria e mobilidade sostible.
Ademais, a alcaldesa tamén solicitou a instalación de redutores de velocidade na vía Xil-Cobas- Barrantes (EP-9302), e a revisión dos redutores actuais para axustalos á normativa vixente. Estas actuacións serán presentadas por escrito desde o Concello e no marco dos criterios do plan MÓVESE, aínda que fóra de prazo (o Concello de Meaño non presentara solicitudes ao abeiro deste plan).
Uxío Benítez explicoulle á rexedora que, precisamente, este tipo de actuacións son as que se están realizando no marco do plan MÓVESE, cuxo obxectivo é mellorar a mobilidade e a seguranza nas vías provinciais, e no que se contempla a instalación de medidas de calmado do tráfico.
O Concello do Meaño conta con seis vías de titularidade da Deputación: Dena-Couto de Abaixo, Xil-Cobas- Barrantes, Meaño-Dena, Couto-Embarcadero, Coirón-Ribadumia-Leiro, e Cobas-Padrenda, que suman máis de 21 quilómetros de lonxitude. Ademais, ten dúas vías compartidas con o Concello de Sanxenxo: Sanxenxo-Meaño e Vichona-Dena.