Rajoy, Sánchez, Iglesias, Rivera e Garzón, canto pagas pola única camiseta asinada por todos eles?
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os escolares do colexio de Barcelos de Pontevedra teñen no seu poder un "documento" único, unha camiseta do Purrelas, o equipo deste centro escolar, asinada polos cinco dirixentes das principais forzas políticas españolas. Din desde o ANPA e desde a dirección do colexio que é a única vez que Mariano Rajoy, Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Albert Rivera e Alberto Garzón se poñen de acordo en algo e foi para asinar esta camiseta que ten como obxectivo lograr fondos para poñer en marcha no CEIP Barcelos o proxecto didáctico Arquitectura para Nenos, cunha asignatura de arquitectura, unha proposta para que os alumnos teñan coñecementos sobre como se deben desenvolver as cidades.
Para levar a cabo este proxecto necesitan 5.000 euros e por iso decidiron desprenderse de camisetas que son auténticas xoias para os escolares. Ademais da dos políticos, teñen outra camiseta asinada por todo o plantel do F.C. Barcelona, campión de Liga e Copa, despois de que o xogador Rafinha a levase ao vestiario culé solicitando esta firma para esta boa causa. Así deixaron a súa marca futbolistas tan cotizados como Messi, Neymar, Piquei ou Iniesta.
Tamén contan con outra peza coa firma do campión Javi Gómez Noya e outra cultural, con firmas como a de Manuel Jabois ou a de Manel Loureiro. O equipo do Pontevedra C.F., o grupo Furious Monkey House e mesmo os xornalistas asistentes a esta presentación deixaron a súa estampa nestas camisetas para apoiar a iniciativa.
Como conseguiron poñer a todos os políticos de acordo para a firma? A representante do ANPA, Sonia Canay, explica que foi o deputado socialista Guillermo Meijón, anterior profesor no centro, quen mediou con todos os dirixentes para obter este material exclusivo.
Este martes iniciarase a poxa en Ebay para lograr a camiseta política a través do ANPA "O Galo" do colexio. O prezo de saída será de 50 euros e durante dez días os interesados poderán presentar as súas ofertas económicas. O resto de camisetas sairán a poxa a finais da semana.
Esta iniciativa englóbase dentro das propostas realizadas polos escolares que, a través das arquitectas de Taller Abierto, solicitaron a semipeatonalización da praza de Barcelos, que o goberno local levou a cabo para garantir a seguridade do alumnado e converter a praza nun patio de recreo.
Segundo explicaron Ángel Luis Rodríguez, director do centro e Juan Virel, da ANPA, o proxecto de Arquitectura para Nenos busca conectar aos escolares de 5º e 6º coa contorna na cidade e afirman que necesitan o diñeiro para esta iniciativa porque as administracións non aportan cartos para financiala. Por este motivo, tamén buscarán patrocinadores entre as diferentes empresas da provincia.
Os escolares, durante esta presentación, admitiron sentir pena por ter que desprenderse destas camisetas pero afirman que se trata dun proxecto ilusionante, en que pasarán a realizar propostas sobre os espazos públicos da cidade.
Relacionadas:
-
A xornada de reflexión en Pontevedra, en imaxes
Por Alejandro Espiño |
-
Rajoy 'reconcíliase' con Pontevedra e goza dun paseo tranquilo pola cidade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Baño de masas en Pontevedra dun Pedro Sánchez que improvisa un mitin en plena rúa
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O colexio de Barcelos, con escolares de 14 países, celebra un Festival multicultural
Por Redacción |
-
A comunidade escolar de Barcelos fai novas achegas para a reforma da praza
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
As obras de peonalización ante o Colexio Barcelos realizaranse durante a Semana Santa
Por Redacción |