A Fiscalía pide que se clausure tres anos o club de alterne 'Montparnasse' por non dar de alta os seus traballadores
Por Natalia Puga
A Fiscalía de Pontevedra solicita á Sección Cuarta da Audiencia Provincial que ordene a clausura do club de alterne 'Montparnasse', situado na coñecida como recta da Goulla, en Paradela, Meis, durante tres anos como parte da condena do seu administrador como responsable dun delito contra os dereitos dos traballadores.
A solicitude da Fiscalía dirimirase este martes 21 de xuño nun xuízo previsto na Audiencia contra C.V.S., administrador da sociedade que xestiona o club. Sentará no banco por un delito contra os dereitos dos traballadores por presuntamente non cumprir coa obriga de ter aos traballadores da empresa dados de alta na Seguridade Social e o fiscal tamén pedirá que sexa condenado a tres anos de prisión e ao pago dunha multa de oito meses a razón de oito euros diarios.
O fiscal tamén pide a inhabilitación do procesado para o cargo de administrador de industria ou comercio durante tres anos e, en concepto de responsabilidade civil, solicita á Audiencia que lle condene a satisfacer á Tesourería Xeral da Seguridade Social a cantidade que se determine no xuízo que non pagou polas cotas de afiliación dos seus traballadores.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, un control no local realizado na noite do 19 de febreiro de 2014 evidenciou que tiña un total de doce traballadores, dos cales soamente dous estaban dados de alta no réxime da Seguridade Social, nove non foron dados de alta, e unha traballadora non contaba o preceptivo permiso de traballo en España.
Os dous que estaban dados de alta eran un camareiro e unha recepcionista, pero non o resto das traballadoras que realizaban funcións de alterne cos clientes no citado local, todo mulleres procedentes de Colombia, Paraguay, República Dominicana, Brasil, Rumanía e Venezuela.