O 061 incorpora unha ambulancia medicalizada en Sanxenxo ata o 31 de agosto
Por Redacción
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como en anos anteriores, incorpora unha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado en Sanxenxo debido ao aumento da poboación flotante na época estival. Este ano a posta en funcionamento deste recurso medicalizado adiántase ao primeiro de xullo e manterase ata o 31 de agosto.
Deste xeito, o 061 de Galicia contará as 24 horas, nos meses de xullo e agosto, cunha ambulancia asistencial de soporte vital avanzado no centro de saúde de Baltar situado entre as localidades de Sanxenxo e Portonovo que dará cobertura sanitaria aos concellos de Sanxenxo, Cambados, O Grove, Meaño, Meis, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa e Ribadumia.
A ambulancia asistencial de soporte vital avanzado de Sanxenxo contará cun equipo humano composto por un médico e un enfermeiro especializados na atención sanitaria en situacións de emerxencias e dous técnicos en transporte sanitario urxente. O equipamento deste recurso permite prestar asistencia médica in situ a pacientes de extrema gravidade e asistilos durante o traslado a un centro hospitalario.
Por outra banda, esta ambulancia medicalizada apoiará a realización, en caso necesario, de traslados secundarios interhospitalarios de pacientes críticos dende o Hospital do Salnés, situado en Vilagarcía, ata os hospitais de referencia.
ACTIVIDADE NO VERÁN DO 2015
No período comprendido entre o 12 de xullo e o 31 de agosto do ano pasado, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, con base no centro de saúde de Baltar, mobilizouse en 174 ocasións e asistiu a 164 persoas.
As patoloxías máis comúns, atendidas por este recurso asistencial medicalizado, foron as alteracións da consciencia con 27 asistencias rexistradas, convulsións con 9 casos, os problemas respiratorios con 7 asistencias, a dor torácica con 6 persoas atendidas e os accidentes de tráfico con 4 asistidos.
Relacionadas:
-
Sanxenxo reclama unha ambulancia medicalizada e melloras en Pediatría
Por Redacción |
-
Solicitan ao Sergas unha ambulancia medicalizada e un pediatra de urxencias para Portonovo
Por Redacción |
-
Marín incrementa o horario da súa ambulancia asistencial de soporte vital básico
Por Redacción |
-
Os traballadores de Ambuibérica maniféstanse ante a Xunta para denunciar incumprimentos laborais
Por Mónica Patxot |